Edición 2018 – O erotismo no xardín
A IX edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz enche este espazo a carón do Río Arnoia de propostas imaxinativas, recreando atmosferas nas que os autores seleccionados dan a súa visión do erotismo no xardín.
Quero convidarvos a gozar da cor, dos aromas, das texturas, a espertar os sentidos e a deixarvos levar polo deleite para o corpo e a alma que estes espazos procuran. De maio a outubro Allariz sabe especialmente a paisaxismo e xardinería. Nestes 9 anos temos recibido 225 proxectos de 27 países de todo o mundo, consolidando unha iniciativa única e singular que cada ano incrementa a súa capacidade de atracción con miles de visitantes. A vindeira edición no ano 2019 centrarase no lema “Xardíns de Cine”. Pódense presentar propostas ata o 30 de novembro.
Parabéns aos traballadores municipais pola súa profesionalidade na execución deste ambicioso proxecto e ao IES de Allariz pola súa participación fora de concurso nesta edición.
Agardo que gocen da visita e que deixen voar a súa imaxinación cos ecos da lírica dos trobadores medievais galegoportugueses ou lembrando a Álvaro Cunqueiro:
“Quezáis soñás, amor, coa branca abelaneira
ou co cervo que baixa a beber á ribeira
ou co melro que canta seu vagar na roseira.
Quén amores há, cómo dormirá?”
Francisco García Suárez
Alcalde de Allariz