O Festival Internacional de Xardíns de Allariz conta en cada edición con dous recoñecementos principais: o Premio Popular, elixido polas persoas visitantes a través dos seus votos, e o Premio Técnico da Asociación Española de Paisajistas (AEP).

Neste marco, a Asociación Española de Paisajistas (AEP) fixo público o fallo do Premio Técnico AEP ao Mellor Xardín da edición 2025, o último recoñecemento correspondente á edición celebrada baixo o lema “Cambio climático, unha oportunidade para o xardín”.

Este premio concédese en virtude do convenio de colaboración entre o Festival Internacional de Xardíns de Allariz e a AEP, que avaliaron os proxectos participantes.

O xurado estivo composto por Iñaki Viñuela (Presidente da AEP), Paz González Marinas (Vicepresidenta da AEP), Manuel Sánchez (representante internacional da AEP) e os socios profesionais da AEP Íñigo Segurola, Charo Piñango e Lara Caamaño. Os seus membros visitaron os xardíns do Festival entre os meses de maio e outubro de 2025 e valoraron as propostas segundo criterios de funcionalidade, sustentabilidade e calidade estética.

O Premio Técnico AEP ao Mellor Xardín 2025 foi concedido ao proxecto “Xardín de rocallas”, do equipo CESTUDIO, da autora Claudia Carolina Ávila Espinosa, situado na parcela número 11.

Segundo o xurado, a proposta destaca polo seu carácter didáctico e pola súa capacidade para explicar de maneira clara e accesible o comportamento dos pavimentos impermeables fronte aos permeables. A fragmentación destes elementos permite a aparición do solo natural e activa procesos ecolóxicos esenciais como o intercambio hídrico e gaseoso, o desenvolvemento da vexetación e da fauna e, en consecuencia, un incremento da biodiversidade e da riqueza ambiental.

Con este fallo complétase o conxunto de premios e recoñecementos da edición 2025 do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.