O certame “Vilas en Flor” entregou na mañá de hoxe en Allariz as súas distincións nunha gala celebrada no patio do Fábrica de Curtidos “Familia Nogueiras”. Este ano participaron 30 concellos de toda Galicia aos que se espera que se somen moitos máis durante o ano 2022 e superen ese 10% de concellos que xa parcipan no certame.
O acto estivo presidido por Pedro Calaza director de Vilas en Flor, Enrique Saez presidente da Fundación Juana de Vega, Ángeles Vázquez Conselleira de Medio Rural e Cristina Cid Alcaldesa de Allariz.
Allariz por cuarta edición consecutiva conseguíu o diploma coas Catro Flores de Honra, que xunto as que se lle outorgaron a Chantada, supoñen o máximo galardón entregado en Galicia.
Cristina Cid recollía o premio hoxe pola mañá. Na súa posterior intervención resaltaba o traballo feito en anos pasados polos seus predecesores Anxo Quintana e Francisco García, así como do equipo actual municipal de medio ambiente con Bernardo Varela a cabeza como concelleiro. Non quixo esquecer aos operarios municipais de medio ambiente agradecéndolle o seu traballo e implicación. Tamén tivo unha especial mención para Celestino Feijoó, aparellador municipal e encargado da Oficina de Urbanismo.
Posteriormente e como parte complementaria do acto, as persoas asistentes a gala achegáronse ao recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz no que Cristina Cid lles explicou o proxecto paisaxístico que este ano cumpriu once edicións. Os asistentes poideron visitar o xardín ganador desta edición, O camiño cara a emigración de Rosalía.
“Vilas en Flor” é unha iniciativa que comezou a súa andadura no ano 2018 pola mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR).
“Vilas en flor” segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e a colaboración de Rainbird, Abn Abastecementos, Husqbarna, Fliwer e Hunter.
Aos cinco concellos participantes da primeira edición fóronse sumando ao paso dos anos concellos de todo o territorio galego ata acadar a cifra de 30 participantes na edición de 2021.
“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Poden participar todos aqueles municipios da comunidade galega que teñan menos de cincuenta mil habitantes.
Trátase dun programa encamiñado á mellora integral do verde nos concellos para potenciar os múltiples beneficios que xera. Preténdese non só un aumento do número de espazos verdes, senón tamén unha mellora integral da súa calidade así como dos modelos de xestión que deben enfocarse cara a un aumento da biodiversidade e do uso racional dos recursos.
Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de xeito directo ao desenvolvemento económico local, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.