O xurado do certame “Vilas en Flor”, unha iniciativa para a mellora ambiental, social económicas dos municipios galegos impulsada pola Fundación Juana de Vega, Agaexar e Asvinor, concedeu a máxima puntuación ao Concellos de Allariz e Chantada.  Os dous municipios recibiron catro de cinco “Flores de Honra”.

A entrega de galardóns terá lugar, como establecen as bases do certame, en Chantada, un dos concellos gañador e dada a súa posición máis central no ámbito galego.

O xurado do certame estivo composto por Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Serafín Ros Orta, enxeñeiro técnico agrícola e exdirector de Medio Ambiente do grupo Eulen, e Alfonso Ruano Prieto, enxeñeiro técnico agrícola e ex xefe de área da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Nesta edición, na que podían participar todas as vilas de menos de 50.000 habitantes en Galicia, competían Allariz, Caldas de Reis, Betanzos, Ortigueira e Chantada. O xurado realizou visitas técnicas a cada un dos concellos coa fin de analizar os criterios que puntúan no certame.

“Vilas en flor”, desenvólvese en Galicia por primeira vez, seguindo o modelo doutras comunicadades como Cataluña, Aragón, Canarias ou Valencia, e o modelo implantado noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. Trátase dun programa que pretende a mellora estética e funcional do territorio a través do recoñecemento público de actuacións medioambientais, como obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Coa entrega das “Flores de Honra” recoñécese a traxectoria e as accións desenvoltas polos concellos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado do entorno.