O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu as portas da súa décima edición baixo o tema central de “Xardíns de Cine”. Centos de veciños e veciñas acompañaron aos e ás paisaxistas protagonistas desta edición e a organizadores nunha tarde de cine na que soaban bandas sonoras coñecidas grazas a Banda Unión Musical de Allariz.
A X edición ten por tema central o cine e por iso moitos dos xardíns que participan recrean películas coñecidas como Mary Poppins, Dogvill o Mi Tío de Jacques Tati. Dez formas diferentes de ver o cine na que os seus creadores fannos partícipes dos seus deseños a través de secuencias e escenarios naturais homenaxe ao cine clásico, as orixes da sétima arte, e mesmo algúns xardíns convidan aos e ás visitantes a crear a súa propia película. O IES de Allariz reservou a parcela educativa para render homenaxe á película de José Luis Cuerda, “La lengua de las mariposas, rodada en Allariz hai 20 anos.
Ata o 3 de novembro poderase visitar o recinto que alberga os dez xardíns que concursan polo voto do público. Amósanse, ademais, o xardín gañador na pasada edición e o xardín deseñado polos alumnos e alumnas do IES de Allariz.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico e referente pola súa particularidade: é o único das súas características que se celebra en todo o Estado. Cada ano, Allariz convoca este concurso ao que se presentan decenas de propostas chegadas de todo o mundo. Entre eles escóllense 10 que se exhiben e compiten polos votos que outorgan os máis de 40.000 visitantes que pasan cada ano polo festival.