A Asociación A.N.D.R.E.A, coa colaboración co Concello de Allariz, presenta o novo xabón aromático Romeu Bio elaborado con leite de burra en San Salvador dos Penedos en Allariz. Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, María López, concelleira de Promoción Económica e Elsa Pérez presentaban no recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz o novo xabón.
Trátase dun xabón aromático de alta calidade elaborado con aceite esencial BIO, que achega un aroma san e natural, e que nos garante que é da máxima calidade 100% biolóxico e natural (non conteñen moléculas de sínteses nin están mesturados con outras substancias nin outros aceites esenciais de menor calidade).

Este xabón ten outra característica xa que o seu deseño reproduce o logo do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Dentro leva unha bolsa de tela, para colgalo nun armario ou poñelo nun caixón para aromatizar a roupa, toallas, sabas… Este xabón está a venda no Festival Internacional de Xardíns de Allariz, ademais dos puntos habituais de venda da marca.
En aromaterapia o aceite esencial de romeu utilízase para dar vigor, enerxía e entusiasmo. Ten un efecto estimulante sobre o sistema nervioso, ao mesmo tempo que axuda a controlar o estrés. A nivel físico relaciónase coa limpeza do sistema respiratorio, e recoméndase para despexar pulmóns e bronquios.

Os xabóns elabóranse artesanalmente en Allariz, o que fai que cada un dos xabóns sexa único e diferente. Ademais Xabón D’Allariz Aromático é un produto ético e solidario: os beneficios obtidos pola venda dos xabóns dedícase integramente a subvencionar os Programas de Terapia asistida con animais da Asociación A.N.D.R.E.A. para persoas con discapacidade.
Xabón D’Allariz é un proxecto non produtivo froito da colaboración entre a Asociación A.N.D.R.E.A. (Asociación para a Defensa, Recuperación e Estudo Terapéutico da Especie Asnal) e o Concello de Allariz. Este proxecto conxunto púxose en marcha no ano 2008 como unha experiencia en San Salvador dos Penedos, enmarcada dentro dun proxecto de recuperación e dinamización de superficies e poboacións rurais da Reserva da Biosfera “Área de Allariz”. Esta experiencia pioneira afectou a un núcleo de poboación deshabitado e a súa contorna, que se atopan nunha zona de especial protección dentro da Reserva.

A actividade da Asociación A.N.D.R.E.A é un proxecto integral de apoio ao desenvolvemento rural baseado principalmente na posta en marcha de servizos de benestar social e aproveitamento dos recursos naturais, a través dos seus tres liñas de actuación:
• O Centro de Acollida de Burros abandonados e/o maltratados.
• O Centro de Terapia asistida con Burros para persoas con discapacidade física, psíquica e/o social.
• O Programa de dinamización do rural.

A Asociación A.N.D.R.E.A. ofrece a posibilidade de coñecer de preto a actividade do Centro de Acollida de burros abandonados e maltratados.
Información para as visitas desta asociación podes consultar a súa páxina web https://asociacionandrea.wordpress.com/servicios/visitas/