O Festival Internacional de Xardíns de Allariz está preparando xa a súa próxima edición. O prazo de presentación das novas propostas estará aberto ata o 30 de novembro. Xardíns terapéuticos, deseños que curan  será o título da edición número doce e sobre el deberán xirar as propostas dos/as deseñadores/as que concursarán o vindeiro ano 2022.

O concurso 2022 coa temática “Xardíns terapéuticos, deseños que curan” aspira contar con propostas que recreen, en cada parcela, espazos que propicien o benestar, o relax, o desfrute dos sentidos, espazos para o corpo e para a alma que contribúen ao noso equilibrio físico e psíquico, espazos de saúde  .

As persoas concursantes deberán plasmar no seu proxecto un espazo terapéutico, un espazo ao aire libre deseñado para satisfacer as necesidade físicas, psicolóxicas, sociais e espirituais das persoas que usarán eses xardín, así coma a sociedade en xeral.

Entre todas as propostas recibidas, un xurado de expertos/as no que  están representadas as organizacións máis importantes do paisaxismo: asociacións, profesionais, deseñadores, artistas e o sector comercial, elixirá 10 proxectos que serán executados e exhibidos como finalistas na edición 2022. Estes 10 xardíns competirán polo voto dos/as visitantes, máis de 40.000 persoas que cada ano se achegan ao Festival interesados no aumento da calidade dos proxectos que se mostran.

O concurso está aberto a todas as persoas que desexen participar e as súas bases están dispoñibles en https://www.allariz.gal/festival/concurso-2022/