O Festival de Xardíns de Allariz, representado pola Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o director do F.I.X.A Francisco García asinaron esta mañá un convenio de colaboración coa Asociación Española de Paisajistas representada pola súa vicepresidenta Paz González.
Cristina Cid explicaba a importancia destas colaboracións xa que reforzan a rede que está a traballar por un paisaxismo de calidade. A Alcaldesa resaltou a importancia dos espazos verdes de calidade para o benestar da cidadanía.
Allariz sempre tivo entre os seus obxectivos contar con espazo verdes de calidade que se viron reforzados coa creación do Festival Internacional de Xardíns.
Francisco Garcia, director do F.I.X.A, resaltaba a importancia de contar con entidades colaboradoras tan importantes coma a AEP, Acubam, AGA ou profesionais do sector.
O Festival sempre traballou na liña na que todo o mundo relacionado co paisaxismo e a xardinería, puidera ter un escenario propicio para realizar actividades relacionadas co medio ambiente e o paisaxismo.
A formalización desta colaboración permitirá que o propio Festival siga incorporando entidades colaboradoras profesionais as que xa tiña como poden ser o presidente do xurado do FIXA Francisco Caldeira Cabral, profesionais coma Ignacio Somovilla ou Eduardo Barba, persoas que desinteresadamente apostan polo Festival Internacional de Xardíns de Allariz e axudan na súa difusión.
Paz Gonzalez, resaltaba a importancia que ten o Festival de Xardíns dentro do sector do paisaxismo. Segundo nos contaba era un tema pendente para a AEP colaborar co único proxecto desta envergadura a nivel estatal. Sinalaba a importancia do espazo creativo que representa o Festival.
A a AEP é a encargada de elexir o Gañador técnico do FIXA.
Este convenio formaliza ese Gañador técnico elixido por a votación de 3 membros da AEP. Así mesmo a sinatura deste convenio abre a porta a realización de futuras dinámicas de colaboración, de difusión e de eventos comúns en relación co paisaxismo e co propio Festival.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é unha iniciativa do Concello de Allariz que pretende ofrecer a todos os veciños, veciñas e visitantes a posibilidade de gozar dun novo espazo recuperado para uso público na marxe dereita do río Arnoia.
Así mesmo, a realización anual do festival, contribúe a reforzar a atracción de Allariz e revalorizar a beleza dos espazos que a rodean, do mesmo xeito que serve de referente internacional no fomento do paisaxismo e a creatividade, mediante a participación de equipos multidisciplinares que promoven o desenvolvemento, o coñecemento e a aplicación de técnicas de xardinería nas súas propostas.
Tanto o Festival de Xardíns como a AEP están interesadas en estreitar os vínculos que redunden na ampliación de obxectivos comúns en beneficio de ambas as institucións.