CONCURSO FOTOGRAFÍAS FESTIVAL DE XARDÍNS DE ALLARIZ  2018
“EROTISMO NO XARDÍN”

1. COMPAÑÍA ORGANIZADORA

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, baixo a dirección do Concello de Allariz con domicilio social en Praza Maior, 1 en Allariz con CIF P3200200H, organiza o concurso de fotografías online baixo o título CONCURSO FOTOGRAFÍAS FESTIVAL DE XARDÍNS DE ALLARIZ 2018.

2. OBXECTO DA MECÁNICA DO CONCURSO

A visita ao Festival de Xardíns de Allariz durante a edición do 2018 é requisito indispensable para participar no CONCURSO FOTOGRAFÍAS FESTIVAL DE XARDÍNS DE ALLARIZ 2018.

A través da páxina web www.allariz.gal/festival, o/a participante poderá subir ata un máximo de tres fotografías localizadas no Festival de Xardíns de Allariz e que teñan un símbolo que identifique claramente, pola organización, que se trata da edición “Xardíns do Erotismo”.

As fotografías estarán publicadas no site citado anteriormente así como no facebook do Festival de Xardíns de Allariz e poderán ser votadas, só unha vez dende cada IP. A fotografía que máis votos reciba será a gañadora do premio.

A participación no concurso supón a cesión e autorización expresa de todos os dereitos de propiedade intelectual e de imaxe sobre as fotografías participantes, de xeito que o participante cede ao Concello de Allariz os dereitos de explotación de natureza intelectual, industrial e/ou de imaxe que puideran corresponderlle ao derivar das participacións enviadas para participar no concurso.

3. DURACIÓN E ÁMBITO

A actividade desenvolverase a través da páxina web www.allariz.gal/festival.

O concurso estará aberto entre o día 22 de novembro ata o 20 de decembro de 2018. Neste tempo distinguiranse dúas etapas: a primeira de recepción de fotografías , dende o 22 de novembro ata o 9 de decembro, e a segunda, de votación das fotografías  (do 10 de decembro ao 20 de decembro). O día 21 de decembro coñecerase o resultado do concurso.

4. REQUISITOS PARA PARTICIPAR

Poderán participar todas as persoas físicas de todas as idades que conten cunha conta de correo electrónico e que, como principal requisito, visitara o Festival de Xardíns de Allariz durante a edición do Erotismo no Xardín, entre o 12 de maio e o 31 de outubro do 2018.

Exclúense como participantes tanto os/as autores/as creadores/as dos xardíns como calquera operario municipal ou externo que traballe en calquera área do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA).

Requisitos

  • As fotos deben ter sido tomadas dentro do recinto do Festival de Xardíns de Allariz, entre o 12 de maio e o 31 de outubro de 2018, durante a edición o Erotismo no Xardín.
  • As fotos deben incluír algún elemento que identifique claramente a edición á que ser refire este concurso.
  • As fotos deben ser enviadas en formato .jpg podendo ser horizontais, verticais ou cadradas, e irán acompañadas dun título e da procedencia do/a participante.
  • Cada participante poderá enviar ata un máximo de 3 fotos. Quedará internamente identificado/a polo seu nome completo e correo electrónico, e non serán públicos.
  • As fotos deben ser subidas á plataforma allariz.gal/festival no apartado CONCURSO FOTOGRAFÍA FESTVIAL DE XARDÍNS DE ALLARIZ 2018. Ademais serán compartidas a través das redes sociais do Festival (https://www.facebook.com/festivaldexardins/) a partir da data de comezo da votación.
  • As fotografías que incumpran o citado nestas bases eliminaranse do concurso e non serán publicadas.

5. SELECCIÓN DA FOTOGRAFÍA GAÑADORA

A fotografía que reciba máis  votos/ likes/ gústame será a gañadora do premio.

No caso de empate publicaranse de novo as fotografías empatadas con máis votos e abrirase un novo período de votación dende o día 21 ao 26 de decembro.

A organización porase en contacto coa persoa gañadora a través dos datos facilitados e o premio deberá ser recollido pola persoa agraciada no Centro de Promoción Económica de Allariz (Rúa O Portelo, 4 – 2º piso). O fallo do concurso farase público o día 21 de decembro de 2018.

6. PREMIOS

A organización premiará ao autor/a da fotografía gañadora cun premio que poderá elixir entre as dúas seguintes posibilidades:

  • Unha fin de semana en Allariz para dúas persoas (unha noite máis unha cea no aloxamento que designe á organización) máis un lote de produtos do FIXA 2018.
  • Ou un vale de 150€ para gastar no comercio local de Allariz máis un lote de produtos do FIXA 2018.

7. PROTECCION DE DATOS

Os datos subministrados polas persoas participantes serán tratados confidencialmente e recollidos nun ficheiro automatizado de datos de carácter persoal, e serán empregados exclusivamente para este concurso e as comunicacións pertinentes, sendo eliminados pasado os tempos legais preceptivos. Conforme á lei vixente os interesados poden exercitar respecto dos seus datos os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición enviando unha carta á CONCELLO DE ALLARIZ Praza Maior 1 32660 ALLARIZ Ourense ou no correo electrónico: participa@allariz.com.

8. ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases polo que a manifestación no sentido de non aceptación da totalidade ou parte da mesmas implicará a exclusión da persoa participante e como consecuencia, o Concello de Allariz quedará liberado do cumprimento da obriga contraída con dito participante.

A participación neste concurso implica a aceptación das bases, así como os cambios que o Concello deAllariz poda levar a cabo no concurso por causas xustificadas.