Esta mañá reuniuse o xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz para seleccionar os nove proxectos que formarán parte da súa XV edición, que terá como lema “Cambio Climático: unha oportunidade para o xardín”.
O xurado, composto por expertos en paisaxismo, enxeñería agraria, urbanismo e representantes do Concello de Allariz, avaliou un total de 32 propostas chegadas desde diferentes países e rexións, reflectindo, un ano máis, o carácter internacional do evento.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, agradeceu o traballo do xurado e salientou a relevancia do festival. “Este evento é moito máis que un conxunto de xardíns: é unha ferramenta para promover a sostibilidade, a dinamización económica e a mellora da calidade de vida no noso concello. A temática deste ano axúdanos a reflexionar sobre como os xardíns poden ser un espazo de innovación e oportunidade fronte ao cambio climático”, explicou.
Francisco García, director do festival, destacou que o certame segue consolidándose como unha plataforma de referencia para deseñadores emerxentes e profesionais do paisaxismo. “O festival ofrece a oportunidade de mostrar o talento e a creatividade de paisaxistas de todo o mundo, mantendo o foco na sostibilidade e no impacto social dos espazos verdes”, afirmou.
O xurado presidido polo prestixioso paisaxista portugués, e director do xurado, Francisco Caldeira Cabral contou coa participación de Elsa María Matos Severino (paisaxista), Guillermo Cuadrado (paisaxista e membro da AEP), Raquel Casas (doutora en enxeñería agrícola e mestra do máster de paisaxismo en Madrid), Álvaro Mingo Martín e Iuliana Pavalan, en representación da Asociación Española de Paisajistas (AEP), e os representantes do Concello de Allariz: Celestino Feijóo (director de urbanismo), Bernardo Varela (concelleiro de medio ambiente), María López (concelleira de promoción económica) e Francisco García (director do festival).
As 32 propostas recibidas para a XV edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz proviñan de diferentes partes do mundo, reflectindo o carácter internacional e a diversidade deste evento. As orixes das propostas inclúen países como Ecuador, Austria, Italia, Alemaña, México, Bolivia, Chile, Costa Rica, Arxentina, Uruguai, Colombia e Estados Unidos de América, entre outros.
No ámbito estatal, as propostas chegadas desde distintas localidades do Estado tamén destacaron: Madrid, Sevilla, Ourense, Valencia, Palencia, Ávila e Segovia, Colunga (Asturias), A Coruña, Cidade Real e Gran Canaria.
Esta ampla diversidade xeográfica pon de manifesto a gran acollida internacional que ten o festival, que se afianza como un referente no ámbito do paisaxismo e a sostibilidade.
Os nove proxectos seleccionados compartirán o recinto do festival con:
-
O xardín gañador do público da pasada edición, “O xardín ao revés”.
-
O xardín creado polos centros educativos de Allariz.
-
O xardín recoñecido co premio técnico pola Asociación Española de Paisajistas (AEP), titulado “Entra nunha obra de arte”.
Francisco Caldeira Cabral, presidente do xurado, eloxiou a calidade das propostas presentadas este ano. “Foi un proceso de deliberación enriquecedor e con debates que puxeron de manifesto a importancia de integrar a creatividade coa funcionalidade e os retos ambientais”, sinalou.
Un evento para inspirar sostibilidade
Durante a reunión de hoxe, tamén se anunciou a incorporación da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) ao xurado do festival. Segundo Cristina Cid, “a participación de AGAEXAR enriquecerá este evento tan emblemático, achegando a experiencia e o compromiso das empresas galegas vinculadas ao sector”.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que ocupa un espazo de 37.000 m², é un escaparate único de deseños innovadores que combinan arte, natureza e conciencia ambiental. A temática deste ano, centrada no cambio climático, busca transformar un desafío global nunha oportunidade para innovar no deseño de xardíns e promover solucións máis sostibles.
A XV edición do festival abrirá as súas portas ao público o próximo mes de maio e permanecerá aberta ata finais de outubro, consolidando o seu papel como un dos eventos máis destacados do paisaxismo internacional.