O Festival Internacional de Xardíns de Allariz pechou, o  3 de novembro, a súa décima edición dedicada ao Cine, aberta dende maio.  Neste tempo máis de 40.000 persoas visitaron os xardíns efémeros e deixaron uns ingresos de ao redor de 35.000€. As cifras mostran, segundo  sinalaba a dirección do Festival de Xardíns de Allariz, Francisco García,  “unha edición de récord”.

O evento alaricano, único no estado, converteuse, ao longo de dez anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial. A asemblea anual de AGAEXAR,a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.

Premio dos/as visitante

Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. O xardín austríaco “Sé o heroe da túa propia película” dun grupo de estudantes de Viena, acadou o primeiro posto co 32.8% dos votos dos/as visitantes.O xardín dividido en catro zonas que representan a infancia, a mocidade, a idade adulta e a vellez a través de películas ben coñecidas. Este xardín permanecerá no recinto na próxima edición.

O segundo lugar, co 21,39% e máis de 3.800 votos, ocúpao o xardín madrileño “Música no xardín dos Arpel” E no terceiro posto, co 13,67% dos votos, atópase o xardín galego “Lille/Ville” de PLP Atelier   que representaba, a escal, o centro do casco histórico de Allariz.

Aberto o prazo de presentación de proxectos para a edición “Xardíns da Poesía”

O FIXA está a recibir novos deseños para o vindeiro concurso, aínda que ata o día 30 o prazo continúa aberto para recibir as propostas para o vindeiro ano baixo o lema “Xardíns da Poesía” . Toda a información en https://www.allariz.gal/festival/concurso-2020/