O Festival Internacional de Xardíns de Allariz xa elixiu tema para a edición de 2024. O prazo de presentación das novas propostas estará aberto ata o 30 de novembro. “O xardín é unha obra de arte” será o título da décimo cuarta edición e sobre el deberán xirar as propostas que concursarán o vindeiro ano 2024.

Con este lema preténdese extraer os avances e innovacións que as distintas correntes artísticas inocularon na sociedade: o impresionismo, o cubismo, o surrealismo…

Xurdiron entón novas formas de observar a realidade cotiá en cadros, esculturas e calquera outra forma de expresión: agora queremos trasladalas ao xardín, para pasear entre plantas e sentirnos parte desa obra de arte.

Entre todas as propostas recibidas, un xurado de expertos no que están representadas as organizacións máis importantes do paisaxismo: asociacións, profesionais, deseñadores, artistas e o sector comercial, elixirá 10 proxectos de xardíns que serán executadas e exhibidas como finalistas na edición 2024. Estes 10 xardíns competirán polo voto dos visitantes, máis de 40.000 persoas que cada ano se achegan ao Festival interesados no aumento da calidade dos proxectos que se mostran.

O concurso está aberto a todas as persoas que desexen participar e as súas bases están dispoñibles en https://www.allariz.gal/festival/concurso-2024/