O Festival Internacional de Xardíns de Allariz pechou, o  31 de outubro, a súa novena edición dedicada ao Erotismo no Xardín, aberta dende maio.  Neste tempo preto de 40.000 persoas visitaron os xardíns efémeros e deixaron uns ingresos de ao redor de 33.000€. As cifras mostran, segundo  sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela,  “unha edición de récord en canto a visitas”.

O evento alaricano, único no estado, converteuse, ao longo de nove anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial. A asemblea anual de AGAEXAR,a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.

Premio dos/as visitantes

Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. O “Xardín prohibido” das paisaxistas portuguesas Mónica Mota, Cláudia Vilar, Renata Ferreira acada o primeiro posto nas votación dos/as visitantes ao Festival I. de Xardíns de Allariz na edición do Erotismo no Xardín, expostos entre maio e outubro.  O 24,91% dos votos elixiron o xardín que mostraba o desexo do froito prohibido tras o pecado de Adán e Eva no Edén.

O segundo lugar, co 19,42% e máis de 2.000 votos, ocúpao o xardín galego “Na procura do íntimo” no que os autores José Anta Rodríguez e Nuria Caramelo Novo convidan a gozar da cor: un  vermello intenso eríxese como tea de fondo dun lugar onde os instintos tamén atopan o seu espazo.

E no terceiro posto, co 15,39% dos votos, atopamos o xardín austríaco “Despois do amargo vén o doce” de Cathrine Bugge, Fredrika Orefelt e Jenny Zackrisson. Un labirinto que convida a penetrar nun terreo imprevisible.

Premio profesional        

O Festival I. de Xardíns de Allariz, a través de varios integrantes da Asociación Española de Paisajistas, outorga, como novidade este ano, un premio profesional para destacar o mellor xardín. Conforme ás bases aportadas e establecidas pola Asociación Española de Paisaxistas,  o xurado conformado polos paisaxistas Boriana Christova Minkova, Juan Luis Ruiz Dyezma e Yolanda Bruna Narbona outorgan o primeiro premio profesional ao xardín  En busca do prohibido. “Centrándonos  na acepción de Erotismo como expresión de amor físico na arte, consideramos que o xardín brasileiro evoca co seu deseño de liñas orgánicas, idea , texturas, sensualidade de sons e musicalidades, tanto o erotismo como o amor, sendo susceptible ademais de transmitir ditos conceptos a través de elementos tanto vitais como inertes da natureza” explicaba o xurado.

Ao avaliar os criterios de funcionalidade, sostibilidade e beleza, dos xardíns participantes conclúen que a intervención paisaxística de xardín a pequena escala que máis se adecúa a ditos criterios é o xardín brasileiro “en busca do prohibido” deseñado por Daniele Martins Costa, Regiane de Souza Freitas, Candido Marins Fagundes, Patricia Rodrigues

Aberto o prazo de presentación de proxectos para a edición “Xardíns de cine”

O FIXA está a recibir novos deseños para o vindeiro concurso, aínda que ata o día 30 o prazo continúa aberto para recibir as propostas para o vindeiro ano baixo o lema “os Xardíns de Cine” . Toda a información en https://www.allariz.gal/festival/concurso-2018/