O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abrirá mañá as portas da súa novena edición baixo o tema central “Erotismo no Xardín”. Ata finais de outubro poderase visitar o recinto que alberga 10 xardíns seleccionados entre máis de 40  propostas recibidas de todo o mundo. Móstranse, ademais, os xardíns do gañador do ano pasado, que permanecerá exposto durante esta edición, e o xardín realizado, este ano, polos mozos e mozas de 3º da ESO do IES Allariz.

Paisaxistas galegos, de Brasil, Portugal, Noruega, Italia, Francia, Perú ou Xapón participan na edición do Erotismo  na que os visitantes poderán gozar de espazos para o romance e a paixón, para o xogo e o coqueteo. Xardíns con labirintos, fontes, aromas florais evocadores que os converten en lugar idóneo para a sedución,  xardíns que convidan á intimidade, á sensualidade, ao cortexo.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse nunha cita consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal por ser o único con estas características, polo que pasan, de maio a outubro, preto de 40.000 visitantes.

A inauguración terá lugar mañá, 12 de maio, na que participarán a práctica totalidade dos creadores. A apertura reserva varias sorpresas en forma de teatro, danza e ilustración. Os xardíns do erotismo cobrarán vida a partir das 20:00h.