Ecos-Oikos

Edición 2016 – Parcela 1

A cidade entendida como urbanidade é unha conquista do home como ser social. Aínda quedan, nesta cidade caótica que excede o noso control, espazos para lembrarnos estes logros: o patio dun colexio, una xornada cotiá de mercado, a festa popular, a manifestación ou o espazo multilingüe nunha praza pública. Os devanditos exemplos remiten directamente a sons. A nosa memoria sonora como “sociedade do benestar” talvez sexa máis potente que a visual. E se materializamos eses lugares evocados a través dun espazo –continuo– invadido por natureza,?

A natureza é aliada na recuperación da esencia urbana como un sistema de espazos libres predispostos para a interacción social. Precisámola entre espazos de aprendizaxe (colexio→ filtros verdes que depuran, horta…), espazos alegres (festa na rúa→ o cromatismo estacional, a celebración da colleita, o espertar do letargo invernal…), espazos de contacto co producido e co outro (mercado→ horta…); e, por suposto, en espazos de paz, de silencio… onde a natureza no urbano sempre foi unha aliada (apenas o murmurio da auga entre o tintín das follas arroladas pola brisa).

Propoñemos unha secuencia de espazos nos que a natureza se introduce como aliada na recuperación da  identidade urbana. A medida que paseamos, van espertando sons asociados á urbanidade que interactúan con texturas e cores que construímos fundamentalmente con material vexetal. Este material desdebuxa un espazo definido por un patrón xeométrico estritamente ortogonal, converténdoo nunha secuencia de sensacións. Tentamos maximizar o parque do futuro convertido e estendido a toda a trama urbana. A nova selva urbana é posible, cada recuncho é un lugar potencial para o encontro entre natureza e sociedade.

Esta secuencia de lugares: horta, patio, praza… forma un continuo que interactúa co que pasa e cos sons próximos e afastados. Introducímonos nesta nova selva entre as rubideiras que enmarañan o espazo tridimensional. Aos poucos desaparecen, os sons reláxanse, e ao final descubrimos o remanso de paz: unha pradería silvestre asubiando.

Ecos de mundos recoñecibles por revalorizar, combinados cun mundo natural por aprehender. Ecos que nos devolven unha realidade en harmonía co oikos.

 

Desdetrespalabras

Datos de contacto:

Marina Jiménez. Móvil: 605799744.
e-mail: marinajiji@gmail.com

Julio Jiménez. Móvil: 607223349.
e-mail: arqoiluj@gmail.com

Equipo: desdetrespalabras@gmail.com.
Tel.: 983 336454

 

Patrocinador

EQUIPO: Desdetrespalabras.
Marina Jiménez, Julio Jiménez, Ana Jiménez e María de la O García.

PROCEDENCIA: Vigo- Valladolid


Interésannos as paisaxes que crea o home coas súas vivencias, coa mirada, coa memoria, as que formaliza con planos verticais e horizontais creando refuxio, apertura, domesticidade, as que materializa con elementos sólidos ou etéreos, vivos ou inertes, texturas, cores…

Interésannos as paisaxes que crea a natureza con forza ou calma, de forma cíclica ou evolutiva, e que indefectiblemente son o soporte para a vida.

Marina Jiménez. Arquitecta, Doutora urbanista cunha tese sobre o sistema de parques como concepto estruturador do urbano, e Máster en arquitectura da paisaxe.

Julio Jiménez. Arquitecto, integrado na paisaxe espiritual e viquingo de Borgund (Sojnefjord, fiorde dos Soños, Noruega) e interesado en xerar espazos de luz e de sombras.

Ana Jiménez. Arquitecta, Máster en Rehabilitación, implicada en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, e nas paisaxes que crea a arte do origami.

María de la O García. Colaboradora necesaria. Arquitecta, membro xunto con Ana e Marina Jiménez do estudo lastresreinasmagas.com