[RE]Evolución

Edición 2016 – Parcela 11

”Construír o futuro ollando cara ao pasado”, a síntese entre o coñecemento tradicional e o contemporáneo.

Se tomamos como punto de partida as técnicas de traballo propias do lugar e a memoria colectiva, seremos capaces de chegar a un deseño sostible de xardín produtor de alimentos,sen deixar de lado a beleza. Afortunadamente, no rural galego a produción de alimentos enfocada cara ao autoconsumo está aínda moi arraigada.

Considerando que o sistema monocultural de cultivo empregado na actualidade é inviable, a permacultura preséntase como unha alternativa válida. A permacultura consiste na creación de agrosistemas naturais, policulturais, baseados nuns principios éticos e de deseño concretos que permiten producir alimento sen degradar nin consumir a contorna onde se practica. Unha simbiose entre os seres humanos e a súa contorna. Unha actitude de respecto e harmonía tanto co medio coma coas plantas, os animais e as persoas.

O deseño parte dunha espiral celta de dúas voltas que evoluciona, adaptándose ás necesidades do proxecto, xa que permite acadar calquera punto cun impacto mínimo no ecosistema. Deste trazado xorden zonas diferenciadas, en cada unha das cales conviven
en harmonía distintas especies que se benefician mutuamente.

 

María Susana Ribeiro e Jesús Pacheco

EQUIPO:
María Susana Ribeiro e Jesús Pacheco

PROCEDENCIA: Allariz

Patrocinador