Roman de la Rose

Edición 2018 – Parcela 10

A temática do concurso versa sobre o erotismo no xardín. Os elementos que compoñen e dan forma a un espazo verde ofrécense ao espectador de forma directa, sen ningún tipo de veladura, activando todos os seus sentidos. Entendemos por tanto que todo xardín ten toques de erotismo. No século XIII os textos falan dos xardíns como espazos de gozo e deleite que invitan ao encontro amoroso. En concreto, o poema do “Roman de la rose”, escrito nos anos 1220 e 1223 por Guillaume de Lorris, centra a súa historia nun xogo de alegorías e metáforas que se desenvolve nun xardín cortesán. O seu obxectivo é entreter e ensinar a outros sobre a arte de amar. Narra un soño onde o protagonista, un mozo poeta, penetra nun xardín pechado deixando atrás o mundo real no que existen vicios e sentimentos opostos ao amor. Unha vez dentro do xardín camiña por el “(…) seguindo o rumbo dunha estreita senda que ulía a fiúncho e a menta”, e descríbeo así: “(…) a disposición do belo xardín era dun cadrado. (…) O que máis agradable facía aquel lugar era a abundancia e a variedade de flores que había. (…) A terra mostraba toda a súa fermosura con aquel tapiz, moi ben adornado de flores pintadas de moitas cores, de onde xurdían moi bos olores. (…)”.

O poeta no seu camiño polo xardín descubre a Fonte de Narciso “(…) de todas as fontes era a máis fermosa (…) todo o lugar, árbores e flores e cuanto rodea o xardín aquel reflíctese nela. (…)” . Na súa lámina de auga ve ademais reflectida unha roseira chea de espiñas e en concreto unha rosa que atrapa a súa atención. Esta flor representa a anatomía do corpo feminino, a posesión sexual e amorosa: “(…) Nel reflectida, e entre outras mil cousas, distinguín unha roseira que se atopaba nun lugar oculto. (…) Inclineime por unha dunha tal fermosura que bastaba para que nos outros non se reparase (…). Unha cor tiña que o iluminaba, e era esta cor dun vermello moi fino (…). Era o meu desexo non apartarme del; pensaba, ao contrario, del apoderarme se non me frease ter que cortalo” .

Trátase dunha historia pasional na que o poeta está nun plano real, naturalista e subxectivo e a súa amada no plano do símbolo e a abstracción alegórica. O “Roman de la rose” é a base da “filosofía do xardín” que se afirmou na Europa do século XIII co xurdimento da cultura cortés, que converterá o xardín nun dos seus lugares favoritos.

A intervención é unha recreación deste xardín e os acontecementos que nel se suceden tal e como aparecen reflectidos no poema.

Waterscales Architects - Carmen María Barrós Velázquez, Francisco del Corral del Campo. Colabora Roberta Silvestri

Patrocinador

EQUIPO: Waterscales Architects

Carmen María Barrós Velázquez, Francisco del Corral del Campo. Colabora Roberta Silvestri

PROCEDENCIA: Granada


WEB: www.waterscales.com

“Toda creación espacial é máis feliz se escoita a linguaxe da auga

WaterScales

WaterScales arquitectos centra a súa actividade docente, de investigación e de proxectos no paisaxismo e a arquitectura a diferentes escalas: territorial, doméstica e íntima, especialmente alí onde a auga é protagonista e esencial xerme creativo.

Teñen recibido diversos premios e distincións nacionais e internacionais e a súa obra difundiuse en numerosas publicacións.