Lille\Ville
Edición 2019 – Parcela 7
LILLE \VILLE é unha proposta que pretende xuntar os dous principais conceptos da 10ª edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, “Xardíns de Cine”. Para iso, introdúcese un novo elemento, a escenografía arquitectónica, e un referente cinematográfico, DOGVILLE.
A idea baséase en transformar DOGVILLE en LILLEVILLE, unha representación a escala do centro do casco histórico de Allariz, cuxo epicentro se sitúa na Igrexa de Santiago e o seu contexto próximo: praza Maior, praza de Abaixo, rúa da Cruz, rúa do Cárcere, Rúa de San Lorenzo e rúa Vilanova. Esta escenografía encáixase a través dunha superposición de mallas á xeometría dos pavimentos dos propios xardíns, adentrándose na propia parcela.
Os 16 protagonistas da película pasan a ser as 16 especies elixidas, presentándose como un xardín que induce o noso descubrimento sensorial, ofrendando as plantas aromáticas como a lavanda e o romeiro perfumes máxicos que nos retrotraen a lugares exóticos. O caer da auga no noso xardín hidropónico e os froitos da Nandina actuarán directamente sobre os nosos oídos, aportando calma e sosego. É un regalo para a vista; os tamaños, cores e formas das especies que habitan o xardín aportan a súa textura no momento de tocalas. Para terminar, incentivará o noso sentido do gusto a froitaría e floraría aportando, aínda que só sexa de xeito visual, a comestibilidade do noso xardín. Todo isto rodeando un cinema ao aire libre, onde poder organizar proxeccións en verán.
EQUIPO:
PLP Atelier
Pablo López Prol, Diego Rodríguez Val, Montserrat Pereira Pino, Eduardo Cebreiro Lago
PROCEDENCIA:
Ourense (Galicia)
Estudio de arquitectura e deseño multidisciplinar en constante colaboración con profesionais de disciplinas afíns que busca a innovación a través dunha construción máis sostible e ecolóxica, respectuosa con entorno e a tradición.
Neste proxecto colaboran un arquitecto, dous arquitectos técnicos e un experto en xardinería e paisaxismo.
Datos de contacto: www.plpa.es