As bolboretas da memoria
Edición 2019 – Parcela 8

As bolboretas da memoria é a homenaxe que os centros educativos de Allariz queremos dedicar aos mestres e mestras que durante xeracións puxeron ás de liberdade e cores de felicidade e sabedoría nos nenos e nenas que pasaron polas escolas.
“A lingua das bolboretas”, conto de Manuel Rivas, xunto co filme homónimo de José Luis Cuerda, rodado na vila de Allariz, foi a inspiración deste xardín escolar. O personaxe de D. Gregorio, mestre entregado, humanista e defensor da liberdade, represaliado pola barbarie do fascismo, personifica e representa a todos e cada un dos mestres e mestras que, con nome e apelidos reais, foron represaliados, depurados ou fusilados. A curiosidade e a ansia de medrar, tan propias dos nenos e nenas, foron incentivadas e alentadas por aquelas persoas que fixeron da escola un espazo cheo de liberdade e de luces. Foron “as luces da República” violentadas, esmagadas e apagadas na longa noite de pedra.
Agardamos que estas “bolboretas da memoria” sexan un recuncho de lembranza do pasado e de reivindicación dun presente lúdico, vital, integrador, harmonioso e libre como o xogo infantil, como o voo das bolboretas.
Patrocinador

EQUIPO:
Centros Educativos de Allariz
PROCEDENCIA: Allariz – Galiza