8- Sobrevoando o mundo. Aeroliña Allariz
Edición 2023 – Parcela 8
Lembras o tempo que pasamos illados nos fogares a raíz da Covid-19? Parece un mal soño do que xa nos queda unha vaga lembranza, pero si que supuxo unha gran pegada nas nosas vidas, un feito sen precedentes que rompeu todos os nosos plans. E sobre todo, que fixo que volvésemos con máis ganas que nunca “ao exterior”, a coñecer mundo, a percorrer todos os seus recunchos e descubrir lugares, culturas e paisaxes variadas. Coñecer outros lugares do mundo, as súas culturas, historia, natureza, paisaxes e xentes é unha gran forma de enriquecernos e ver máis aló das nosas costumes e crenzas. Viaxar é unha forma de romper coa nosa rutina, desconectar e abrir a nosa mente a novos horizontes.
O interese do ser humano por viaxar, facer turismo e explorar novos territorios non é nada novo. Os expertos do tema fixan os inicios do turismo no século XIX, pero fan referencia ao turismo tal e como o coñecemos hoxe en día. Sempre se viaxou, por conquista, emigración ou exploración. Todos e todas somos descendentes de africanos que saíron do seu territorio para buscar oportunidades, como tamén fixemos moito os galegos e as galegas por todo o mundo na procura de oportunidades. O auxe dos transportes na coñecida Revolución Industrial supuxo tamén un gran pulo para o turismo. O ferrocarril e, posteriormente o AVIÓN, fixeron que o ser humano puidera visitar lugares alonxados en menos tempo, algo impensable tempo atrás.
Este curso o I.E.S. de Allariz, co alumnado da materia Proxecto Competencial de 3º de ESO, e o CEIP Padre Feijoo deseñou un pequeno espazo no que podes percorrer o mundo a través dos 5 continentes. Seguir as pegadas dos e das turistas, das emigradas e emigrados, dos e das refuxiadas e refuxiados… Tras atravesar as portas do noso xardín tomarás asento na nosa aeroliña e poderás descubrir as grandes iconas do mundo en imaxes e da flora variada propia de cada continente. Unha experiencia sensorial que non te podes perder. Tes exactamente 120 días para vir ao Festival de Xardíns e descubrila.