5- A CUADRATURA DO CÍRCULO
Edición 2024 – Parcela 5

A cuadratura do círculo é un problema matemático clásico que se refire ao intento de atopar unha construción xeométrica que permita crear, utilizando só regra e compás, un cadrado que teña a mesmo área ca un círculo. Con todo, este concepto explorouse de diversas maneiras ao longo da historia da arte, sendo empregado como símbolo para expresar conceptos abstractos e a procura de perfección en lugar dunha representación xeométrica literal.
Desta maneira, preténdese crear un xardín que exprese esa procura da harmonía, da perfección imposible, empregando formas xeométricas fundamentais, círculo e cadrado, e a cor básica vermella, reducindo a expresión artística aos seus elementos máis básicos e procurando así a abstracción total.
Na honra de Agustín Ibarrola Goikoetxea, pintor e escultor do bosque O Rexo nas proximidades de Allariz, propóñense reproducir as intencións anteriores nun espazo LandArt no que se represente a problemática da cuadratura do círculo.
O xardín xérase ao redor dun percorrido circular no que as plantas se distribúen en capas concéntricas. Este promenade discorre rodeando o espazo LandArt e consta de dúas paradas situadas nos puntos exactos nos que o usuario poderá observar con claridade o cadrado e o círculo, continuando posteriormente o seu camiño. O resto do percorrido non permite distinguir estas figuras, simplemente observaranse os postes pintados como elementos que desafían a lóxica, xerando un sentimento de estrañeza. Só no momento no que o individuo se sitúe no punto exacto, resolverase o conflito, obtendo unha resposta ao que aparentemente é un problema imposible.
EQUIPO:
P/A
PROCEDENCIA:
Ourense
Miguel Pulido Sotelo
Arquitecto pola ETSAC. Completa a súa formación con estudos no DADE|Politecnico di Torino – Dipartamento di Architettura e Design, realizando estadías en proxectos tanto no HIT | Harbin Institute of Technology e ENSA (Clermont-Ferrand).
Fundador de Forquita Estudo en Ourense, un estudo multidisciplinar que ofrece unha ampla gama de servizos relacionados coa arquitectura, urbanismo e construción.
Luis Ansias Manso
Graduado en Ciencias ambientais e Enxeñería agrícola pola Universidade de Vigo, formación complementada con aprendizaxes en diferentes áreas, como educación ambiental e agricultura ecolóxica. Actualmente traballa na depuración de augas mediante humidais artificiais en Ecolagunas S.L.