Un xardín excesivamente nítido
Edición 2021 – Parcela 2

O xardín interpreta o poema “Nun día excesivamente nítido” do autor portugués Fernando Pessoa, a partir do seu concepto de heterónimo, Alberto Caeiro neste caso. Por medio de superficies transparentes, espellos, láminas de auga e marcos, ofrécese ao visitante a experiencia da propia multiplicidade. Unha inmersión nun mundo literario, irreal e palpable á vez, artificial e natural que, de maneira laberíntica, vai conducíndonos a través do poema, descubrindo os seus versos reflectidos en nós mesmos e nos múltiples Pessoa.
O pavimento cuadriculado e as superficies reflectoras recrean unha paisaxe pixelada con distintos graos de nitidez. Dentro desa retícula tridimensional mestúranse os elementos naturais que fan parte do poema: “montes, vales, planicies”; “árbores, flores, herbas”; “ríos e pedras”. Mediante códigos QR, o visitante pode acceder á información complementaria e recitais dos poemas en distintos idiomas, incorporando a presenza física de Pessoa, a través da súa obra, detrás de cada espello, á volta de cada esquina.
O uso da lavanda como flor nacional de Portugal, xunto ás hortensias típicas da paisaxe galega, falan da proximidade destas dúas terras. Os caraveis vermellos, insertos en anacos de rifles, remiten á histórica revolución que Pessoa non puido vivir na súa cidade natal. Unha Lisboa evocada nos seus pavimentos brancos e a luz que reflicten, nos mobles dun imaxinado estudo do que Pessoa sae a fume de carozo buscando “un camiño a través das árbores”.
EQUIPO:
Juan David Daza
José Javier Alayón González
PROCEDENCIA:
Colombia
Juan David Daza, 1999.
Estudante do último ano da carreira de Arquitectura na Pontificia Universidade Javeriana de Bogotá, Colombia. Foi asistente de investigación na área de historia da arquitectura moderna e prehispánica. É cantante lírico e afeccionado ás artes visuais.
José Javier Alayón González, 1974.
Doutor en Proxectos Arquitectónicos (2010) e Máster Oficial en Paisajismo (2007), ambos os títulos pola Universidade Politécnica de Cataluña, Barcelona – España. Arquitecto (1998) pola Universidade dos Andes, Mérida – Venezuela. Actualmente é profesor de Arquitectura da Paisaxe, Proxectos Arquitectónicos e Historia da Arquitectura Moderna, áreas nas que se desenvolve tamén o seu labor como investigador na Pontificia Universidade Javeriana de Bogotá, Colombia.