O Festival Internacional de Xardíns de Allariz concluíu a súa 14ª edición cun notable éxito, superando as 35.000 persoas visitantes e reafirmándose como un evento clave en Galicia. Celebrado baixo o lema “O xardín é unha obra de arte”, o festival combinou deseño, cultura e turismo, consolidándose como un motor económico e cultural para Allariz.

Segundo destacou o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, “as máis de 35.000 persoas visitantes reflicten a consolidación do Festival ao longo dos anos, converténdose nun evento anual clave para Allariz, tanto no ámbito cultural como no económico”. Ao longo das súas 14 edicións, o Festival recibiu o apoio de diversas asociacións e empresas do sector, que contribuíron ao crecemento e expansión do evento. A colaboración da Asociación Galega de Apicultura, de AGAEXAR, Garden Tours e Bomarzo foi esencial neste proceso, reforzando a presenza do Festival como un referente no ámbito do deseño paisaxístico.

Premio das persoas visitantes
O Festival tamén é coñecido pola votación popular, onde as persoas visitantes elixen o xardín que máis lles gustou. Nesta edición, o proxecto
“O xardín do revés”, presentado polo equipo madrileño “Esto no es un grupo de arquitectura”, foi o gañador, obtendo o 49,45% dos votos. Este xardín surrealista, inspirado na arte de René Magritte, cativou ás asistentes co seu deseño onírico e misterioso, e permanecerá no recinto do Festival durante a edición de 2025.

En segundo lugar, cun 15,1% dos votos, situouse “Entra nunha obra de arte”, do equipo vienés The Gallerist, mentres que o terceiro posto foi para o xardín portugués “A galería de arte”, obra de Hugo e Rita, que alcanzou o 8,95% dos votos.

Convocatoria aberta para a edición 2025
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz xa lanzou a convocatoria para a súa próxima edición, que se celebrará en 2025 baixo o lema “Cambio climático: Unha oportunidade para o xardín”. Actualmente, está en pleno proceso de recepción de proxectos, co prazo aberto ata o 30 de novembro. As persoas interesadas poden consultar as bases e obter máis información a través da páxina web oficial do evento:
https://www.allariz.gal/festival/concurso-2025/.

Sobre o Festival Internacional de Xardíns de Allariz
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é un evento único no ámbito estatal que reúne cada ano a destacados deseñadores paisaxísticos para crear xardíns efémeros na localidade. Esta iniciativa transforma o municipio nun espazo visual e impresionante, ofrecendo ás persoas visitantes unha experiencia sensorial que vai máis aló do deseño e a natureza.