O xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz reuniuse, esta mañá, para seleccionar os dez xardíns que formarán parte da XIII edición do Festival que terá como tema A volta ao mundo en once xardíns.
Os xardíns son espazos que propician o benestar, o relax, o desfrute dos sentidos, que nos poden trasladar a espazos de diferentes culturas e lugares do mundo a través das plantas.
O xurado, presidido polo prestixioso paisaxista portugués, Francisco Caldeira Cabral, e composto por Elsa María Matos Severino (paisaxista), Guillermo Cuadrado (paisaxista), Alvaro Mingo (representante da AEP), Eduardo Barba (paisaxista e investigador botánico) e Raquel Casas (doutorada en enxeñería agrícola e mestra do master de paisaxismo en Madrid ) , e por parte do concello de Allariz, Celestino Feijóo, director de urbanismo, Bernardo Varela, concelleiro de medio ambiente, María López, concelleira de promoción económica e Francisco García, director do Festival de Xardíns elixiron, esta mañá, estes dez novos xardíns que ocuparán o recinto xunto co xardín gañador da pasada edición “Camiño do recordo” e o xardín deseñado polos centros docentes de Allariz.
Foron elixidos de entre 22 propostas chegadas dende diferentes lugares da xeografía mundial como Austria, Alemania, Polonia, México, Colombia e tamén do Estado como Madrid, Sevilla, Lleida, Granada, Santa Cruz de Tenerife e por suposto Galicia.
Noraboa os/as paisaxistas e arquitectos/as seleccionados para formar parte da futura edición do Festival de Xardíns de Allariz, que estará aberta dende maio a outubro de 2023.