Hoxe foron seleccionados os nove xardíns da XV edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz

Esta mañá reuniuse o xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz para seleccionar os nove proxectos que formarán parte da súa XV edición, que terá como lema “Cambio Climático: unha oportunidade para o xardín”.

O xurado, composto por expertos en paisaxismo, enxeñería agraria, urbanismo e representantes do Concello de Allariz, avaliou un total de 32 propostas chegadas desde diferentes países e rexións, reflectindo, un ano máis, o carácter internacional do evento.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, agradeceu o traballo do xurado e salientou a relevancia do festival. “Este evento é moito máis que un conxunto de xardíns: é unha ferramenta para promover a sostibilidade, a dinamización económica e a mellora da calidade de vida no noso concello. A temática deste ano axúdanos a reflexionar sobre como os xardíns poden ser un espazo de innovación e oportunidade fronte ao cambio climático”, explicou.

Francisco García, director do festival, destacou que o certame segue consolidándose como unha plataforma de referencia para deseñadores emerxentes e profesionais do paisaxismo. “O festival ofrece a oportunidade de mostrar o talento e a creatividade de paisaxistas de todo o mundo, mantendo o foco na sostibilidade e no impacto social dos espazos verdes”, afirmou.

O xurado presidido polo prestixioso paisaxista portugués, e director do xurado, Francisco Caldeira Cabral contou coa participación de Elsa María Matos Severino (paisaxista), Guillermo Cuadrado (paisaxista e membro da AEP), Raquel Casas (doutora en enxeñería agrícola e mestra do máster de paisaxismo en Madrid), Álvaro Mingo Martín e Iuliana Pavalan, en representación da Asociación Española de Paisajistas (AEP), e os representantes do Concello de Allariz: Celestino Feijóo (director de urbanismo), Bernardo Varela (concelleiro de medio ambiente), María López (concelleira de promoción económica) e Francisco García (director do festival).

As 32 propostas recibidas para a XV edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz proviñan de diferentes partes do mundo, reflectindo o carácter internacional e a diversidade deste evento. As orixes das propostas inclúen países como Ecuador, Austria, Italia, Alemaña, México, Bolivia, Chile, Costa Rica, Arxentina, Uruguai, Colombia e Estados Unidos de América, entre outros.

No ámbito estatal, as propostas chegadas desde distintas localidades do Estado tamén destacaron: Madrid, Sevilla, Ourense, Valencia, Palencia, Ávila e Segovia, Colunga (Asturias), A Coruña, Cidade Real e Gran Canaria.

Esta ampla diversidade xeográfica pon de manifesto a gran acollida internacional que ten o festival, que se afianza como un referente no ámbito do paisaxismo e a sostibilidade.

Os nove proxectos seleccionados compartirán o recinto do festival con:

  • xardín gañador do público da pasada edición“O xardín ao revés”.

  • O xardín creado polos centros educativos de Allariz.

  • O xardín recoñecido co premio técnico pola Asociación Española de Paisajistas (AEP), titulado “Entra nunha obra de arte”.

Francisco Caldeira Cabral, presidente do xurado, eloxiou a calidade das propostas presentadas este ano. “Foi un proceso de deliberación enriquecedor e con debates que puxeron de manifesto a importancia de integrar a creatividade coa funcionalidade e os retos ambientais”, sinalou.

Un evento para inspirar sostibilidade

Durante a reunión de hoxe, tamén se anunciou a incorporación da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) ao xurado do festival. Segundo Cristina Cid, “a participación de AGAEXAR enriquecerá este evento tan emblemático, achegando a experiencia e o compromiso das empresas galegas vinculadas ao sector”.

Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que ocupa un espazo de 37.000 m², é un escaparate único de deseños innovadores que combinan arte, natureza e conciencia ambiental. A temática deste ano, centrada no cambio climático, busca transformar un desafío global nunha oportunidade para innovar no deseño de xardíns e promover solucións máis sostibles.

A XV edición do festival abrirá as súas portas ao público o próximo mes de maio e permanecerá aberta ata finais de outubro, consolidando o seu papel como un dos eventos máis destacados do paisaxismo internacional.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.