988 554 059

igualdade@allariz.gal

Pudor e intimidade. (08/04/2021)

Imagen Publicación

PUDOR E INTIMIDADE

Ao longo da crianza, adóitanse expor situacións relacionadas co pudor e a intimidade. A reserva que supón o primeiro vai aparecendo co tempo. É fácil ver como un pequerrecho corre pola praia espido sen que lle provoque ningún sentimento de vergoña. Igualmente, resulta recoñecible a imaxe da adolescente que entra ao baño en pixama e só sae cando terminou de vestirse trala ducha.

A maneira na que imos avanzando desde o absoluto  impudor ata o seu grao máis alto é un proceso evolutivo e persoal. É dicir, que se vai desenvolvendo cos anos e a cada un ocórrelle á súa propia maneira.

É frecuente que as primeiras reservas xurdan ao redor do corpo espido. Por exemplo, ao redor dos xenitais, o cu. Despois irán aparecendo outros pudores sobre as emocións, os sentimentos ou as accións.

Xunto ao pudor, chegan tamén as primeiras indicacións relacionadas coa intimidade. Entendemos por intimidade o espazo propio ao que só ten acceso un mesmo. En ocasións, compartímolo con algunha persoa elixida, dando acceso a un ou outro aspecto dela.

Entender  que é a intimidade, que reservar para ese espazo, que compartir con este e con aquela ou mesmo como queremos facelo require dun tempo, certas capacidades e algunhas posibilidades.

Como dixemos noutras ocasións, cada familia propón uns límites para o espazo íntimo, privado e público en coherencia cos seus valores e crenzas. Deste xeito, haberá quen considere importante non mostrar o corpo espido en ningún espazo común, mentres outros atopen valioso o exercicio do nudismo.

Ambas as familias cultivarán o valor da intimidade, pero farano desde referentes distintos. E cada unha das fillas e fillos criaranse nese valor, un valor que irán incorporando de maneira diferente.