988 554 059

igualdade@allariz.gal

Por que existen mulleres e homes? (23/04/2021)

Imagen Publicación

Esta é unha pregunta que os seres humanos nos vimos facendo desde hai moito tempo.

As respostas, ao longo da historia, foron varias.

Unha das máis antigas atopárona na Isomorfía, é dicir, considerar que había unha forma completa, a do home. Á muller, pola súa banda, explicárona como aquela que non madurara o suficiente, a que estaba incompleta.
Por iso é polo que chegaron a considerar que a muller é un home incompleto ou que non chegou a selo.

Moito tempo despois, outros pensadores pouco satisfeitos con esta resposta, volveron facer a pregunta.

Esta vez atoparon a explicación no Dimorfismo, isto é, a idea da existencia de dúas formas, unha masculina e outra feminina. Sen considerar a ningunha un erro ou un subproduto da outra, a relación que estableceron entre ambas foi disxuntiva: es feminino OU es masculino. Es muller OU es home.

Afortunadamente, a resposta do dimorfismo e o seu “efecto OU” non resultou satisfactoria para un grupo moi especial de curiosos, os sexólogos da primeira xeración, que buscaron e lograron dar outras respostas. Tamén é verdade que modificaron un pouco a pregunta, pois empezaron a interesarse polos suxeitos sexuados: aqueles capaces de pensarse e nomearse a si mesmos.

Tamén observaron estes curiosos que a realidade sexuada non encaixaba só en dúas formas. Que a diversidade das súas formas en homes e mulleres era practicamente infinita, pois cada suxeito sexuado era o resultado dunha combinación única e peculiar de trazos femininos e masculinos. Por iso chamaron a esta idea Intersexualidade.

Non dubidaron en considerar que esta diversidade propia dos suxeitos sexuados era unha riqueza para o conxunto da humanidade e propoñían comprendela e cultivala no canto de sometela a tratamento para corrixila ou facela desaparecer.

Esta resposta para entender a realidade sexuada dos seres humanos coñecémola hoxe como a teoría da intersexualidade e o continuo dos sexos. E é xustamente a que nos permite abandonar o anterior esquema da Dimorfía (ou binarismo), co seu “efecto OU”, e pasar ao “efecto E” da Intersexualidade.


(Unía versión máis ampla desta entrada pode atoparse en https://sexologiaenredessociales.wordpress.com/2014/11/24/isomorfismo-dimorfismo-intersexualidad/)