EN-AMOR-A-DOUS*
Os sexos gústanse, búscanse e atópanse. Ás veces unha cousa leva á outra con moita facilidade. Noutras ocasións, os percorridos son máis sinuosos.
Cada encontro organízase desde os desexos dos amantes. Desde aquilo que lles fai estar a gusto xuntos.
Con urxencias, con calmas.
Con excitacións, con deleites.
Con paixóns, con acougos.
Desde a adolescencia exploramos e tenteamos as oportunidades e os límites que nos ofrecen as múltiples posibilidades de encontro entre os sexos.
Momentos furtivos, cotiandades compartidas.
Vínculos estreitos, delicadas superficialidades.
Exposicións totais a corazón aberto, reservas amuralladas das intimidades.
Aprendemos a través da experiencia que non eliximos cando, a quen, canto... amar e que si obedece á nosa vontade como facelo.
Na distancia, desde preto.
Con palabras, en silencio.
No público, no privado.
E imos descubrindo que algunhas vías fannos estar máis confortables, ben a gustiño. Que algunhas relacións déixannos ser máis auténticos, “máis eu” e “máis comodamente eu”.
Aprendendo a estar en-amor-a-dous ao noso estilo.
*En-amor-a-dous, xogo de palabras que agradecemos ao mestre Efigenio Amezúa.