É moi frecuente pensar que as primeiras veces ocorren na adolescencia ou na mocidade. Igual é que non nos fixamos moito ou que poñemos a atención nalgunhas desas primeiras veces máis ca noutras.
É claro que entre os 11 e os 18 anos moitas cousas poden ocorrer por primeira vez: achegarse e dicirlle a alguén que me gusta ou esperar nervosa a que veña a dicirmo ela, decidir que tipo de suxeitador levar, darse a man, compresas ou tampóns?, bicarse na boca, peitearse unha e outra vez ata dar coa imaxe perfecta, estar a soas con alguén que me gusta, afeitarse con coitela ou con máquina eléctrica, escoitar que lle gustas a outro ou que non lle gustas a quen queres gustarlle, estar espido fronte a outro, reconciliarse tras a discusión...
Estas e outras tantas cousas por primeira vez ocorren, por primeira vez decídense ou por primeira vez déixanse de lado (hai quen non quere bicarse cando llo propoñen, quen rexeita ir da man ou quen se nega a estar a soas con quenlle gusta... e tamén son as primeiras veces que iso ocorre).
Cambios corporais e desenvolvemento cerebral supoñen nesta etapa a aparición de novas posibilidades para pensar o mundo, pensarse a un mesmo e pensar nos demais. E da man dos novos pensamentos aparecen novos comportamentos, novas relacións, novas vivencias.
Pero as primeiras veces non se esgotan nesta etapa biográfica. As primeiras veces van acompañar ao longo da nosa vida. Cando decidimos ir vivir con alguén, cando descartamos ter fillos, cando percibimos o noso primeiro embarazo, cando rompemos a relación, cando miramos eses ollos que nunca estiveran tan preto, cando xogamos este novo xogo...
Hai algunhas diferenzas entre as primeiras veces adolescentes e as adultas, como a experiencia acumulada, quizais a curiosidade diminuída. E todas esas outras que cadaquén pode relatar entre o adolescente que foi e o adulto que está sendo.
E tamén algunhas similitudes: os nervos no estómago, a tensión polo que está a chegar, o temor a non estar á altura, a equivocarse... e a emoción de que algo novo vai pasar.