Os cambios véñenlle ben ao sexo ou non?
É doado atopar artigos de prensa ou entradas de blogue onde se recomenda para “mellorar as relacións sexuais” introducir algúns cambios:
- Cambiar de lugar, abandonando o coñecido “leito conxugal” e explorando as posibilidades doutras partes da casa como a cociña, a mesa do comedor ou a alfombra da sala de estar.
- Mudar de xogos, introducir novas prácticas para visitar zonas do corpo que temos abandonadas, esculcar novas sensacións estimulando outros sentidos diferentes ao tacto...
- Incluír complementos en forma de cremas, lubricantes, vibradores, dildos, esposas... ou calquera outro produto dos que atopamos nas xogueterías para xente adulta.
- Cambiar de xogadores, nas propostas máis ousadas non falta a recomendación de innovar neste aspecto. Xuntos ou por separado, sumando ou dividindo... as posibilidades son varias.
Cambiar, innovar, fuxir da rutina.... porque así todo vai ir mellor.
Ou non.
Estas recomendacións teñen tres trampas:
Confunden sexo con pracer, pois o seu interese está centrado nos praceres e o seu goce. As identidades, os desexos e os proxectos dos suxeitos non interesan demasiado.
Homoxeneízanse os gustos e as vías de goce. A gran variedade presente nos suxeitos que fai que cada cal goce da súa particular maneira nos encontros eróticos queda reducida a unha, á innovación.
E aquí chega a terceira. Poida que moitos suxeitos sexuados teñan na innovación dalgún deses elementos ou no cambio en si mesmo unha vía de goce. Pero sabemos que tamén hai quen non, quen goza intensamente das rutinas, dos lugares coñecidos e os percorridos familiares. Que pasa cando estas persoas proban a cambiar e non só non “mellora nada” se non que se senten estrañas, incómodas, inauténticas? Pois que poden sentirse “ rariños, rariñas”, preguntarse se “lles pasa algo” ou sospeitar “se a cousa non funciona” ben.
E con estas tres trampas conséguese facilmente contribuír á confusión sobre a idea de sexo, problematizar as diferenzas que existen entre uns e outros e invisibilizar a diversidade que nos caracteriza.
Unha mágoa, porque con estes vimbios non se contribúe á convivencia agradable entre os sexos.