988 554 059

igualdade@allariz.gal

Creo que non nos comunicamos ben (04/04/2022)

Imagen Publicación

Creo que non nos comunicamos ben. As nosas relacións non son como deberían ser. Teriamos que atopar outra forma de organizarnos. Isto é algo natural, non debería haber problemas para falar sobre iso. 

O relato das parellas cando expresan o que lles preocupa, o que provoca malestar na relación, adoita estar cheo de enunciados como os que seguen.

Podemos dividilos en varios tipos:

1. Os que reflicten a idea de que hai formas de facer ben as cousas e outras de facelas mal. A pregunta que se fan estas parellas adoita ser: “Así está ben?”

2. Os que expoñen que existe un modo correcto ao que hai que tentar chegar. Nesta ocasión, o interrogante é: “Facemos o que debemos facer?”

3. Os que establecen unha valoración diferente para o estilo propio de expresarse, organizarse, responder... e a do outro. Desde aquí a inquietude é: “ Por que non o fai coma min?”

Cando nos fixamos nestes tipos de expresión, podemos descubrir que son formas diferentes de expor o mesmo. En todos os casos, existe a idea de que, nalgún lugar, recóllese a maneira correcta de estar en parella, de expresarse, de organizarse e, case, de amarse: a forma en que se DEBE FACER, a BOA FORMA, a CORRECTA.

É frecuente que este modelo co que nos comparamos estea presente na nosa cabeza sen que nos deamos conta. Damos por sentado que existe sen deternos a pensar na súa orixe (Onde o lin?, Quen me dixo isto?), a súa validez (Que razóns teño para que dirixa as miñas decisións?)  ou a súa idoneidade (É apropiado para nós?).

Noutras ocasións, o feito de que a proposta encaixe ben co noso sistema de valores, acomode ben con aquilo que estimamos, non nos deixa ver que se trata dun modelo externo. Un que me vale a min, pero que pode resultar molesto, inadecuado para outro. 

A consecuencia de organizar as nosas relacións desde estes referentes, desde estes modelos ideais, é que perdemos de vista os nosos propios referentes, aqueles valores, estilos, modos de estar xuntos que nos acomodan como a parella que estamos a ser. Acabamos tendo pouco en conta os nosos desexos e máis esas obrigas.

É dicir, que igual non nos parecemos ao que se propón desde fóra de nós que debemos ser. Pero podemos gozar xuntos desta particular maneira nosa de organizarnos, expresarnos e querernos que resulta de atender os nosos peculiares desexos e gustos.

Mirar á nosa parella e valorar canto se achega a quen debería ser, non adoita deixarnos ver o valor de quen está sendo. Non facilita gozar del ou dela. E si provoca que nos inquietemos por atopar a maneira de provocar un cambio: Como fago para que cambie a súa forma de comunicación? Como podemos conseguir que deixe de facer iso? Como provocar que empezo a facer isto outro?

Con todo, foi xusto ese home ou esa muller, que agora queremos que cambie, quen provocou a nosa atracción e desexo de estar xuntos. Curioso, non?