Resulta moi habitual atopar estas dúas palabras xuntas. Dúas palabras que veñen seguidas de preocupacións, inquedanzas, alarmas que provocan no mundo adulto.
Embarazos en adolescentes, infeccións de transmisión xenital en adolescentes, VIH-SIDA en adolescentes, violencia nas parellas adolescentes, o consumo de porno na adolescencia... temas que preocupan polas consecuencias que poden provocar no seu desenvolvemento. Temas que pertencen á sociedade na que vivimos, non só aos adolescentes.
Esta preocupación adoita levarnos a proporlles unha serie de condutas, prácticas ou formas de facer como pouco valiosas, mesmo malas, indesexables. Co obxectivo de que as abandonen (deixen de ver porno e tratarse mal, por exemplo) ou modifiquen como as fan (que se queren ter relacións con contacto intergenital, utilicen condón, por exemplo). E isto trae consecuencias.
Preocuparse é necesario, máis cando a adolescencia adoita ser un tempo no que asumimos máis risco cunha menor conciencia do que pode ocorrer. Non é intencionado, é propio do momento evolutivo no que ocorre. Entre outras razóns, porque o desexo de explorar e experimentar é moito. Se a isto lle sumamos a falta de experiencia, as circunstancias poden resultar inquietantes.
Con todo, tampouco podemos esquecer que xusto nesta etapa as capacidades de reflexión e as habilidades de aprendizaxe aumentan. Igual que as aptitudes corporais e sociais. E estes elementos van remar a favor.
Por iso é importante que non quedemos só na preocupación e tamén nos ocupemos delas e deles. E con ocuparnos referímonos a proporcionarlles material que lles permita entender mellor o que están a vivir neses momentos. Atención que non se centre no que se debe ou non se debe facer, senón no que se coñece e o que se ignora, o que está claro e o que xorde da desinformación.
E para iso é fundamental poder garantir unha educación sexual de calidade. Que poña ao dispor das e dos adolescentes o coñecemento que a sexoloxía atesoura. E así poidan distinguir entre sexo, pracer e reprodución; entre atracción, excitación e desexo erótico; entre prácticas, identidades e orientacións; entre sexos, trazos e modos. E moito máis.