Nalgún momento poderemos deixar de dicir que hai xoguetes de rapazas e xoguetes de rapaces.
Sen virulencia. Coa serenidade que dá o coñecemento.
Porque o sabemos. Sabemos que non hai nada no mundo do xogo que pertenza só a rapazas ou só a rapaces.
Os xogos e os xoguetes son de nenas e nenos. Son de quen se anime a xogar. Inclusive de adultas e adultos.
Sabemos que todos podemos xogar con todo. E tamén que cada quen xoga co que máis lle gusta e da maneira que mellor lle presta.
Podemos ver como quen quere arrolar ou aloumiñar, acicalar e coidar… farao. Non importa se se trata dun xoguete con forma de bebé ou con forma de guerreiro intergaláctico.
Tamén que, postos a averiguar como funciona un mecanismo, non importa se se trata do que permite moverse a un coche ou o que fai que ladre un cachorro de peluche. Ambos serán desmantelados por igual ata acceder ao misterio.
Importa quen xoga e a que desexa xogar. O de menos é o que está dispoñible para acadalo: un pau, unha caixa, un robot de última xeración.
Podemos conseguir que quen quere arrolar lle dea patadas a un balón? Si.
Podemos facer que quen quere perseguir e chocar dedique un intre a colocar doas nun fío? Si.
Lograremos que saiban que, se queren, poden facelo. Que ao mundo adulto que os rodea, non lle parece mal. Incluso, quizais, descubran algún disfrute insospeitado co experimento.
En termos pedagóxicos, pode ser un bo filón.
Non mudarán os seus gustos nin se alterarán os modos de xogar.
Moito menos daremos cun obxecto máxico que convirta a unhas en mulleres e a outros en homes. Ese asunto non vai por aí. Iso tamén o sabemos.