Cando volverá ser todo, entre nós, como antes?
Esta é unha inquietude común entre aquelas parellas que viviron un cambio. Nalgúns casos pode tratarse de cambios desexados e buscados: a chegada dun bebé, unha promoción laboral, mudanza a unha nova residencia…
Outras veces, os cambios non se desexan, todo o contrario: unha enfermidade, o paro, a perda dun ser querido...
Unha expectativa común tras un destes acontecementos é que, aos poucos, as augas volvan ao seu rego. A recomendación xeral de quen nos quere e acompaña neses momentos adoita ser: “Hai que darse un tempo ata que todo volva ser coma antes”.
Canta Mercedes Sosa, ‘...así como todo cambia, que eu cambie non é estraño...’ e atopamos neses versos unha pista interesante.
Os seres humanos imos sendo quen somos, grazas ás posibilidades e aos límites da vida que vivimos. Podemos dicir que somos seres biográficos.
Esta calidade permítenos ir mudando sen apenas percibilo, diariamente, pouquiño a pouco. Cando vivimos un episodio como os que enumeramos máis arriba, os axustes que se requiren son máis en menos tempo. Os cambios resultan, entón, bruscos, grosos, obvios.
Son a mesma muller despois de ter o meu primeiro fillo? Si e non. Es a mesma muller desde que naciches, pero se miras unha foto túa dos 15 anos cando tes 30, podes percibir que sendo a mesma, mudaches moito. Igual tralo fillo, es a mesma ca antes, pero nunhas circunstancias diferentes que te obrigan a ser doutro xeito.
Son o mesmo home despois do cancro? Idem. As enfermidades son, nalgunhas ocasións, episodios moi significativos para quen son. Pódennos facer vivir, a nós e a quen nos rodea, unhas circunstancias moi diferentes ás habituais. Isto conduciranos a vivirnos de modos inesperados e, se cadra, incertos.
É a nosa relación a mesma? Se quen compón a relación, quen viviu esa nova circunstancia, son os mesmos pero diferentes, a relación afectarase tamén. Necesitará reaxustarse, o que non necesariamente provocará un problema.
A maior parte das relacións conseguen ir reaxustándose imperceptiblemente, atopando un novo modo de seguir a gusto xuntos, mantendo un proxecto común desde a intimidade e a complicidade. Outras veces buscan apoio profesional para descubrir estas novas formas. Algunhas atopan na separación a mellor vía.
Ante as preguntas: hai posibilidades de que nos queiramos coma antes? De que nos miremos coma antes? De que sintamos o de antes?
A resposta: moi probablemente non, porque atoparedes unha nova forma de querervos, mirarvos ou sentirvos que resulte gustosa, gozosa e satisfactoria a quen sodes agora