O Concello de Allariz colabora un ano máis coa III Pasarela Solidaria a favor da AECC para impulsar a loita contra o cancro

  • O goberno local reafirma o seu apoio a esta iniciativa cidadá que terá lugar o venres 15 de maio no Hotel Eurostars Vila de Allariz.
  • O evento, organizado en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense, implica ao comercio local e ao voluntariado de Allariz.

O Concello de Allariz súmase, un ano máis, á celebración da Pasarela Solidaria, que este maio acada a súa terceira edición. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a concelleira María López, acompañaron esta mañá ao presidente da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, á organizadora da iniciativa, Teresa Quintana e a persoas colaboradoras na presentación oficial deste evento que une moda e compromiso social.
Dende o Concello destacouse o orgullo que supón para Allariz contar con propostas que nacen do tecido asociativo e comercial. Esta pasarela é o resultado do esforzo de establecementos locais, profesionais do sector e veciñanza que, de xeito voluntario, traballan para recadar fondos destinados integramente á loita contra o cancro.

Alianza institucional e social
A alcaldesa de Allariz destacou na presentación da pasarela solidaria contra o cancro o valor da unión entre emprendemento local, investigación e compromiso social. Subliñou que iniciativas como esta amosan a capacidade da comunidade para implicarse en causas fundamentais, apoiando a visibilización da enfermidade. Ademais, puxo en valor a solidariedade da veciñanza e o papel clave dos e das emprendedoras locais na dinamización social e económica, agradecendo o seu esforzo e implicación.
Na pasada edición, a xenerosidade de Allariz permitiu superar os 3.400 euros de recadación, unha cifra que se espera igualar ou superar nesta ocasión para seguir financiando os programas de apoio a pacientes e familias que a AECC desenvolve na provincia.

Rifas xa á venda
O Concello quere facer un chamamento á participación cidadá, lembrando que xa se poden adquirir as rifas solidarias en diversos puntos de venda da localidade. A cita principal será o vindeiro venres 15 de maio ás 19:00 horas no Hotel Eurostars Vila de Allariz, onde a moda local volverá ser a mellor ferramenta de impacto social.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.