O Concello de Allariz presenta a programación das Letras Galegas 2025

O Concello de Allariz presentou esta mañá a programación especial do Día das Letras Galegas 2025, dedicada pola Real Academia Galega ás cantareiras e á poesía popular oral, nunha homenaxe colectiva a mulleres transmisoras do patrimonio musical e cultural galego.

O acto de presentación contou coa presenza da alcaldesa Cristina Cid, acompañada polos concelleiros Alberto Conde (Cultura), Iago Santás (Mocidade) e María López (Promoción Económica), quen destacaron a importancia de promover o uso da lingua galega a través de iniciativas culturais abertas á participación de toda a veciñanza, “o papel esencial da cultura e da lingua galega como eixe da identidade”.

A programación desenvolverase entre os días 16 e 18 de maio e inclúe unha ampla variedade de actividades culturais pensadas para todos os públicos:

VENRES 16 DE MAIO
A celebración comezará o venres 16 ás 21:30 h na Praza Maior cunha noite de música tradicional e contemporánea. Actuarán:

  • Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz,
  • A agrupación Ukestra do Medio,
  • E o grupo Guezos, cun concerto que mestura folk e rock en galego.

SÁBADO 17 DE MAIO
O sábado 17 terá lugar o roteiro temático “No Día das Letras Galegas, percorremos Allariz da man dos seus escritores!”, unha actividade que convida a redescubrir a vila a través da súa relación coas letras. O percorrido, guiado, sairá ás 12:00 h desde a Oficina de Turismo e será necesaria inscrición previa.

Ás 12:30 h, no Iseo A Moura – Mercado da Reserva, celebrarase a sesión de contacontos “Se as árbores falasen”, unha proposta de narración oral pensada para público infantil e familiar.

Xa pola tarde, ás 20:00 h, a música volverá ser protagonista co concerto da Unión Musical de Allariz no marco do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

DOMINGO 18 DE MAIO
A programación pecharase o domingo 18 cunha proposta teatral dirixida ao público familiar: o espectáculo “Fala Fala Falangueira”, da compañía Matrioska Teatro, representarase ás 18:30 h na Casa da Cultura. A obra está recomendada para maiores de 7 anos e aborda a lingua galega desde o humor, a imaxinación e a reflexión crítica.

Con esta programación, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa defensa da lingua galega e co apoio á cultura local, apostando por unha celebración diversa que une tradición, creación contemporánea e participación cidadá.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.