A área de Benestar Social impulsa un ano máis un programa completo de actividades que se desenvolverá entre os meses de setembro e outubro de 2026 para promover o envellecemento activo, a saúde e a convivencia.
Este mes de outubro gozaremos dunha chea de propostas especialmente deseñadas para as nosas persoas maiores. Dende hai 18 anos, o Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, organiza cada comezo de outono as Semanas das Maiores. Cada 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, sumámonos á celebración para reivindicar que todas e todos eles contan, suman e aportan moito á nosa sociedade.
Na mañá de hoxe, a concelleira de Benestar Social e a técnica de maiores, Tania Álvarez e Sonia Paz, presentaron esta nova edición. Segundo as organizadoras: “Ao longo destas semanas, desenvolveranse actividades variadas que abranguen as diferentes dimensións do envellecemento activo: cultura, cinema, saúde, memoria, lecer e convivencia. Convidámosvos a todas e todos a participar e gozar destas datas, porque sodes as e os verdadeiros protagonistas.”
Programación
O calendario estruturase do seguinte xeito:
24 de setembro (ás 11:00 h): Proxección do filme O silencio herdado (Ciclo Mestre Mateo) na Casa da Cultura. Unha cita aberta para achegar o cinema galego á veciñanza.
1 de outubro: Camiñada e xantar campestre con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores. Unha oportunidade para compartir camiñada, conversa e mesa, fortalecendo lazos entre veciños e veciñas. Para poder participar é necesario anotarse antes do 30 de setembro.
8 de outubro: Viaxe cultural O baixo Miño. Un día para gozar do patrimonio e a paisaxe. As persoas interesadas poderán formalizar presencialmente as súas inscricións dende o luns 28 de setembro ás 9:00 h ata o luns 5 de outubro ás 14:00 h.
15 de outubro (ás 17:30 h): Obradoiro Pegadas de Barro, unha experiencia de cerámica, memoria e transmisión impartida pola Asociación Estivadinha – Colectivo de acción rural, que terá lugar no Fogar dos Maiores. A inscrición previa permanecerá aberta ata o 13 de outubro.
Inscricións e contacto
As persoas interesadas poden anotarse en todas as actividades de maneira presencial no Fogar dos Maiores (rúa A Barreira nº 3, Allariz), chamando ao teléfono 988 554 059 ou escribindo ao correo fogardosmaiores@allariz.gal.