Tras as reiteradas xestións do IES  e do Concello de Allariz, a Consellería de Educación executa a reparación da cuberta do pavillón do instituto

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de executar, durante a pasada semana, os traballos de reparación da cuberta do pavillón deportivo do IES de Allariz. Esta actuación dá resposta ás reiteradas solicitudes trasladadas tanto pola dirección do IES de Allariz como polo Concello, que viñan demandando esta intervención para mellorar o estado de conservación dun equipamento fundamental para a comunidade educativa e deportiva do municipio.

A actuación permitiu intervir sobre a envolvente superior do edificio para corrixir as deficiencias existentes, mellorar a estanquidade da cuberta e eliminar os problemas de filtracións que afectaban á instalación, incrementando así as condicións de seguridade, funcionalidade e conservación do pavillón.

O Concello de Allariz continuará facendo un seguimento constante das necesidades deste equipamento e trasladando á Consellería de Educación todas aquelas actuacións que resulten necesarias para garantir unhas instalacións modernas, seguras e de calidade. Neste sentido, entre as demandas que continúan pendentes atópanse a renovación dos aseos e a recuperación do sistema de produción de auga quente sanitaria, melloras imprescindibles para ofrecer un servizo axeitado ás persoas usuarias.
Estas actuacións benefician directamente ao alumnado do IES de Allariz, que emprega diariamente o pavillón para o desenvolvemento das actividades lectivas e deportivas, pero tamén aos numerosos clubs, asociacións e entidades que fan uso destas instalacións fóra do horario escolar.

O Concello de Allariz agradece a receptividade da Consellería de Educación para atender esta demanda compartida co IES e reafirma o seu compromiso de continuar defendendo os intereses da comunidade educativa, realizando as xestións necesarias para que este equipamento continúe mellorando e poida ofrecer as mellores condicións posibles tanto ao alumnado como ao conxunto das persoas usuarias.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.