FESTAS E FEIRAS
FESTA DO BOI DE ALLARIZ
Esta festa de Interese Turístico Galego celébrase entre maio e xuño, coincidindo co Corpus. Ten a súa orixe no ano 1317, cando Xan de Arzúa, home de conviccións relixiosas, decidiu pór remedio ao comportamento irrespectuoso dos xudeus na procesión de Corpus. Fíxoo montado ao lombo dun boi e conseguiu que os xudeus desistiran da idea de seguir molestando á comunidade cristiá. Isto é o feito histórico que motivou a recuperación das carreiras do boi no ano 1983.
Desde 1988, a Asociación Xan de Arzúa é a encargada de traballar na recuperación e conservación da tradición histórica da Festa do Boi. Organizan máis de 70 actividades durante os 9 días que dura a festa e nelas participan, de xeito voluntario e activo, toda a poboación alaricana. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as carreiras do boi centran a programación festiva.
- Documentada desde 1317
- De Interese Turístico Galego desde 2006
- Máis información
SEMANA SANTA AO VIVO
Pasear polas rúas do casco histórico sempre é una pracer e, se cabe, aínda o é máis durante a Semana Santa, data na que Allariz acolle un gran número de visitantes. Actuacións ao vivo polas rúas, actividades culturais e infantís e mercados ou visitas guiadas son piar da programación cultural da Semana Santa ao vivo.
- DATAS
- Semana Santa (de xoves a domingo)
FESTA DE SAN BIEITO
Son as festas patronais de Allariz. Celébranse en xullo, na fin de semana máis próxima á festividade de San Bieito (11 de xullo).
É unha festa, principalmente, de carácter relixioso, na honra do patrón de Allariz. Aos actos relixiosos, incorpóranse actividades deportivas, xornadas gastronómicas, pasacalles e o desfile de xigantes e cabezudos. Os tradicionais fogos artificiais marcan o peche da festa.
- DATAS
- 11 de Xullo - "San Bieito"
- Fin de semana máis próximo
FESTA DA EMPANADA
A Festa da Empanada celébrase, desde 1971, a terceira fin de semana de agosto, á beira do Arnoia. Ten a súa orixe no desexo de facer unha festa para deleite dos veciños e veciñas emigrantes que no verán regresan a Allariz. É unha festa gastronómica, coa empanada de protagonista, aínda que a programación tamén inclúe actividades musicais e deportivas.
- DATAS
- Terceira fin de semana de agosto.
Feira de Artesanía - Arte de Man
O casco histórico de Allariz é o escenario onde artesáns e artesás de Galicia mostran os seus oficios. Arte de Man ofrece exposición e venda de distintas disciplinas, tradicionais e innovadoras, como a cerámica, pintura, debuxo e gravado, escultura, xoiería e bixutería, téxtil, vidrería, coiro ou madeira, entre outras. Ademais, a xornada complétase con obradoiros e demostracións ao vivo.
- DATAS
- Segundo domingo de setembro
FEIRA DE OUTONO
Neste evento, celebrado a segunda fin de semana de novembro, exáltanse os produtos de tempada, como castañas, noces, cogomelos ou pan artesán, entre outros moitos, ofrecendo a posibilidade de degustar ou mercar os produtos naturais ou elaborados e envasados.
Durante a feira realízanse saídas didácticas ao monte, exposicións micolóxicas e cociña ao vivo.
- DATAS
- 2ª fin de semana de novembro
ALLARIZ DE MEDO
A cultura galega estará presente na ambientación das rúas do casco histórico de Allariz que se converte nunha pasaxe de medo. As rúas énchense de ánimas, meigas e outros seres do máis alá.
- DATAS
- Festas do Samaín
- 31 de outubro - 1 de novembro
Festas Etnográficas -
A fornada no mato
A aldea do Mato, situada a 2 km de Allariz, celebra cada mes de agosto a súa tradicional Fornada. Esta festividade, consolidada no calendario estival desde hai varios anos, é froito da organización conxunta entre a veciñanza do Mato e o Concello de Allariz.
O obxectivo principal desta cita é a posta en valor dos fornos comunais e a recuperación dos procesos artesanais de elaboración e cocedura do pan con leña, elementos fundamentais do patrimonio etnográfico local.
A Fornada no Mato destaca como un referente da colaboración comunitaria, reafirmando o compromiso de Allariz coa preservación dos costumes rurais e o impulso do produto de proximidade.
- DATAS
- Xullo e Agosto
NADAL EN ALLARIZ
En Nadal, Allariz convértese nun escenario orixinal e interactivo que recrea o espírito propio desta época, con distintos decorados polas rúas e prazas do casco urbano. Son, nestas datas, os máis retratados por veciños, veciñas e visitantes.
- DATAS
- Durante as festas de Nadal