O PROXECTO

Son 37 700 m2 de auga, sons, cores e vexetación.

Tres hectáreas de natureza que apenas se permiten unha concesión: a dun certo artificio, a dun desvarío da imaxinación, impetuosa pero sempre sometida á onmipresenza do río. É o Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Pioneiro na península xunto co portugués de Ponte de Lima, o Festival é un quebracabezas verde que mantén durante o ano un marco estrutural fixo e renova, cada primavera, doce espazos asignados á creatividade e á innovación de paisaxistas de todo o mundo. O Festival é un gran concurso de ideas e deseños de xardinería inserido no proxecto municipal como unha peza, todo el, dese outro gran crebacabezas que é o plan de revitalización e desenvolvemento de Allariz.

A súa presenza non é casual, nin tampouco a súa situación. O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) coroa as infraestruturas do Parque etnográfico e serve de enlace entre os muíños e as fábricas de coiros e as modernas instalacións da hípica, o cámping e a cidade deportiva. O complexo do Briñal e o suxestivo percorrido dun Arnoia encaixado, augas abaixo, son a meta á que o FIXA lle marca o camiño. Faino incorporando moitos dos elementos que definen o proxecto Allariz: patrimonio, natureza, innovación e sentido práctico. O patrimonio constitúeo o propio marco – difícil subtraerse a ese pano de fondo que debuxan a vila medieval e o outeiro do castelo! – e algunhas achegas internas de grande atractivo. É o caso da noria de sangue. A súa recuperación foi máis alá do valor escultórico coa revitalización do mecanismo de funcionamento, activado, como antano, pola forza animal. Un burro reproduce o movemento doutro para sacar auga do río e nese circular monótono latexa a cotianeidade dun tempo aínda vivo en moitas memorias. Xunto á noria van xurdindo elementos da arquitectura popular galega que ven realzada a súa beleza e o seu significado nun contexto de estética contemporánea. Insírese, tamén, unha metáfora, a do río tralas crecidas, representada nos xogos de auga, nas pequenas canles e nas liñas curvas – auténtico fío condutor do Festival – que sortean as parcelas a concurso e converten en xardín de xogos os depósitos de area e en fontes e lagoas a auga encorada polos desbordamentos naturais. A natureza é inesquivábel no Festival. Está dentro e fóra, antes e despois, arriba, abaixo, no interior; asalta os xardíns dende o río e dende o castelo… Sucede o mesmo coa innovación e coa imaxinación. Non se tocan, pero advírtense en moitos dos detalles que configuran un proxecto que no ano 2013 recibiu 42 000 visitas e xerou 34 000 euros de ingresos por venda de entradas. O sentido práctico subxace no seu propio deseño, adaptado para salvagardar os predios contiguos de posíbeis desbordamentos. Dende a súa creación en 2010, o festival medrou en superficie e contidos. Os 13 000 metros cadrados da primeira fase rondan hoxe os 38 000; ademais, as doce parcelas para exhibición de deseños temporais incorporaron espazos de ton diferente, como un aparcadoiro – o sentido práctico, de novo – e unha grande área libre, ao estilo dos grandes parques ingleses. A súa singularidade? A integración, como elemento estético e estrutural, da fonte de augas minerais do Ferradal, que saen do seu histórico cano para debuxaren charcas e perdérense no Arnoia, cara ao mar.

Horarios

De luns a venres: 17:00h a 21:00h
Fins de semana e Festivos: 11:30h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h

Mañás: 11:30h a 14:00h
Tardes: 17:00h a 21:00h

De luns a venres: 16:00h a 19:00h
Fins de semana e Festivos: 11:30h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h

Tarifas

ENTRADA: 2€

ENTRADA REDUCIDA: 1€
– Pensionistas ou maiores de 65 anos
– Grupos de máis de 10 persoas

ENTRADA GRATUÍTA
– Personas con tarxeta de cidadán
– Menores de 12 anos acompañados
   (excepto se veñen en grupos)

BONO ANUAL: 10€

Para optar aos descontos é preciso mostrar o correspondente xustificante en cada caso.

Contacto Festival Xardins

Para participar no concurso

Para visitas

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.