Allariz acolleu esta mañá a presentación oficial da 8ª edición do Festival RiR, que se celebrará do 30 de agosto ao 6 de setembro. No mesmo espazo que foi escenario da escola de Don Gregorio na lingua das Bolboretas,o acto contou coa participación dos organizadores do festival, Óscar Doviso e José Freiría, da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, do concelleiro de Cultura, Alberto Conde e do Deputado Provincial César Fernández.

Durante a rolda de prensa presentouse a programación completa do festival, que ofrece espectáculos de teatro, monicreques, música, encontros con artistas, actividades paralelas e unha ampla selección de curtas a concurso. Este ano, 36 curtametraxes competirán na sección oficial, consolidando ao RiR como un espazo de referencia para o audiovisual humorístico e comprometido.

Un dos momentos centrais será a entrega do Premio RiR Contigo 2025, que nesta edición homenaxea ao viñetista ourensán Xosé Lois González, creador de “Carrabouxo”, pola súa longa traxectoria ligada ao humor gráfico en galego.

A deseñadora ourensá Soraya Picouto explicou que o cartaz desta edición, no que unha cámara de cine rega flores grises que florecen en cores: “Quixen representar o poder do humor e da cultura para devolvernos a alegría cando todo semella gris”.

Pola súa banda César fernández deputado cultura da Deputación Ourensá , valorou o traballo a prol da Cultura que se realiza no concello de Allariz, sendo un referente na Provincia e a imposrtancia destas inciativas para achegar a cultura a poboación de toda a provincia.

Na súa intervención, a alcaldesa Cristina Cid expresou o seu agradecemento aos responsables do festival por seguir escollendo Allariz como sede despois de oito edicións, destacando que o evento “non só enriquece a economía local, senón que tamén fomenta e sementa cultura”. Subliñou que o RiR se ten consolidado como unha cita habitual no calendario cultural, que prolonga a tempada de eventos ata setembro.

Cristina Cid tamén salientou o crecemento consciente e sostible do festival, facendo fincapé na súa aposta pola responsabilidade social corporativa e a sustentabilidade. A alcaldesa pechou a presentación animando á veciñanza e visitantes a participar activamente nesta nova edición, que como sempre, “promete sorprender cunha programación diversa, de calidade e para todos os públicos”.

A programación comezará o 30 de agosto cunha xornada especial dedicada ao 25 aniversario da película “A lingua das bolboretas”, dirixida por José Luis Cuerda, e que deixou unha fonda pegada na vila de Allariz pola súa rodaxe.

Dende o Concello de Allariz, reafírmase o apoio ao Festival RiR como unha aposta pola cultura feita con identidade, talento e sentido do humor.