Ante a campaña de ataque á Festa do Boi e atendendo a proposta da Asemblea de Veciños celebrada o pasado xoves, día 28 de abril, o pleno da corporación municipal de Allariz acorda facer a seguinte declaración institucional:
A Festa do Boi é unha manifestación cultural que pervive no noso pobo dende hai sete séculos. Rrepresenta un vínculo de unión veciñal e un compromiso coas nosas raíces, fondamente vencelladas a un pasado medieval de recoñecida relevancia histórica.

A presenza do boi nas actividades festivas xustifícase pola propia esencia da tradición xa que é este animal o protagonista positivo e o símbolo duns feitos que nos retrotraen ao ano 1317 e aos enfrontamentos sociais entre xudeus e cristiáns.

O Boi de Corpus é unha festa de orixe medieval auténtica que non garda ningunha relación con festexos taurinos nin con tradicións nos que os animais son agredidos, sometidos a situacións violentas ou asasinados. A Festa do Boi é galega 100%; non é unha celebración taurina, nin pola súa realidade obxectiva nin polo sentimento subxectivo do pobo que a protagoniza. As Carreiras do Boi non son un ataque contra o animal senón unha homenaxe ao seu papel lendario no ano 1317. O boi é considerado un membro máis da comunidade veciñal e como tal é tratado.

O Concello de Allariz considera de gran valor o enriquecemento cultural que a Festa do Boi experimentou dende finais do século XX. O seu programa de actos é un bo exemplo do que o compromiso veciñal e o traballo comunitario poden conseguir e este Concello séntese orgulloso desa realidade.

A participación cidadá ten nesta festa un bo exemplo, dende a estrutura organizativa ao desenvolvemento das numerosas actividades lúdicas e culturais, pasando polo financiamento, que é asumido polos propios veciños coas súas contribucións individuais.

Tradición adecuada aos tempos, participación cidadá e respecto polas persoas, polos animais e polo patrimonio monumental e natural son eixes do traballo municipal que teñen acaído reflexo na Festa do Boi.

Como consecuencia deses valores, a festa tense convertido nun importante axente de dinamización económica, aspecto que, sen ser o máis relevante, non merece ser ignorado, posto que é un bo exemplo de como a historia pode converterse nun revulsivo económico e nunha ferramenta para garantir o futuro no medio rural galego.

O pleno da Corporación municipal de Allariz manifesta o seu apoio decidido á Festa do Boi e lamenta que se trate de danar a imaxe deste concello terxiversando a realidade da súa tradición máis sentida.

Asinado:

Francisco García Suárez, o Alcalde