O Concello de Allariz estrea nova páxina web municipal www.alariz.gal e incorpora a sede electrónica.

A pasada semana o Alcalde, Francisco García, presentaba esta nova ferramenta dixital que favorece a transparencia municipal ademais do acceso dos cidadáns ao concello. Trátase dun sitio en liña do que aproveitar todas as vantaxes da Administración Electrónica, como a posibilidade de realizar trámites administrativos en liña ou unha comunicación máis fluída entre cidadán e concello. “O novo espazo foi deseñado co obxectivo de transmitir unha maior transparencia ademais de permitir aos cidadáns iniciar trámites de forma telemática, dende calquera lugar e momento”, explicaba o alcalde, Francisco García, “ademais de proxectar unha imaxe máis moderna e renovada”.

A nova web allariz.gal está centrada en tres áreas principais: a actualidade, a través do Xornal de Allariz, no que se ofrece información actualizada sobre o municipio; o turismo, aínda en fase de desenvolvemento; e a administración electrónica.

A web tamén ofrece información de páxinas locais de interese como Festival Internacional de Xardíns, a do Outlet Allariz, a web da Reserva da Biosfera e a de Reatur, entre outras.