Hoxe Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, presentaba a remodelación integral da Alameda de Allariz. Acompañada por parte do grupo de goberno municipal, Bernardo Varela, Helena Suarez, María López, Alberto Conde e o Director da Oficina de Urbanismo Municipal Tino Feijóo, presentou a inminente reforma que se vai levar a cabo na Alameda de Allariz.

Como ben explicou a rexedora, a Alameda é un dos espazos de Allariz máis bonitos e na que moitas xeracións recordan como a única zona verde de esparexemento. Esta zona verde alaricana e referente tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan

O espazo, como relataba a Alcaldesa, presenta algunhas dificultades, así como un deterioro por culpa do movemento de terras que ten sufrido nos últimos tempo. Así mesmo o crecemento das árbores e a pantalla vexetal do centro da Alameda dificultan o aproveitamento do espazo, impedindo tanto o transito como a visión.

Os traballos consistirán na substitución do pavimento actual, arranxo e amaño das luminarias, recuperación e arranxo da rede de sumidoiros, o arranxo e limpeza da varanda e colocación dos xardíns centrais ao carón do rúa, cun novo axardinamento de case tres metros de ancho e unha extensión de case cento cincuenta metros de longo, convertendo este nova zona nun xardín botánico. Este espazo contará con preto de 150 especies vexetais que permitirán que ao longo de todo o ano a Alameda presente novas cores.

Dentro do proxecto tamén se levantará o pavimento que vai dende a pérgola do fondo da Alameda, por onde a pasarela , ata a entrada do Arnado para substituíla por sábrego compactado e así dar unha continuidade a todo o conxunto. A obra terá unha duración de un mes na súa totalidade, aínda que parte da remodelación estará rematada en 15 días, polo que xa se verán cambios nos vindeiros días.

Esta zona verde de Allariz, está situada a carón do río Arnoia, unha das partes fundamentais de Allariz. O conxunto contén varios elementos como poden ser a estatua de pedra do Boi ou a do Padre Feijóo, que permanecerán no espazo ao rematar a remodelación.

Cristina Cid explicounos que con esta intervención a Alameda tradicional converterase non espazo aberto no que poderemos gozar dun paseo agradable ao carón do río Arnoia, e que como dicía Pepe Puga a Alameda será un espazo diáfano para gozar do esparexemento entre a Ponte de San Isidro e a de Vilanova.

A obra está cofinanciada polo Concello de Allariz, a Reserva da Biosfera e a Axencia de Turismo de Galicia cun custe total de 170.000€