Na mañá de hoxe, Cristina Cid Alcaldesa de Allariz e Xosé Manuel Baltar presidente da Deputación de Ourense presentaron os proxectos e colaboracións que se levarán a cabo nesta anualidade entre ambas  administracións.

Cristina Cid deu conta dos proxectos nos que o Concello de Allariz solicitou a colaboración da Deputación Provincial.

Durante o que levamos de 2021 estase acometendo o cambio de luminarias a  led en Allariz, proxecto no que a deputación provincial aportou o 20% do total, uns 73.000€. Esta aportación complementa a financiación do IDAE.

Por outra banda en Allariz conta con dúas arterias principais que son a Estrada de Santa Mariña e a zona do Campo da Barreira. Nestas dúas zonas de Allariz están planeadas sendas intervencións nas que a Deputación Provincial a petición da Alcaldesa de Allariz financiará a remodelación das mesmas.

No que ten que ver ca zona do Campo da Barreira, que neste momento e de titularidade da administración provincial e pasará mans do Concello, acometerase a renovación da capa de rodadura, así como a mellora da seguridade viaria e os accesos aos colexios de primaria e infantil de Allariz. O importe da obra sairá a licitación por un valor de 162.000€ para o vial principal. O Concello de Allariz acometerá con fondos propios obras anexas xa fora do que son o vial e as beirarrúas .

No 2016 o Concello de Allariz iniciou un proxecto co CEIP Padre Feijóo para dotar a todos estes espazos que conducen ao centro educativo, dun camiño escolar seguro. Este proxecto implicaba facer beirarrúas mais anchas, facer pasos elevados, zonas refuxios, bolardos. O que se pretende e que no próximo curso escolar os nenos e nenas do centro podan achegarse ao centro dentro dun itinerario seguro que lles aporte esa autonomía ao alumnado.

Para rematar, este ano tamén  levaranse a cabo as beirarrúas da marxe dereita da  Estrada de Santa Mariña, quedando a esquerda para seguintes intervencións. O orzamento para acometer a beirarrúa neste 2021 é de 89.000€. A intervención inclúe o soterramento das instalacións e a obra de beirarrúa que permitirá ter un acceso seguro ata o centro urbano de Allariz.

O presidente da Deputación de Ourense pola súa banda resaltaba a importancia de Allariz como referente na provincia de Ourense. Salientaba que os proxectos achegados pola Alcaldesa de Allariz contan ca aportación da institución provincial pola súa importancia e polas vantaxes que van a aportar a Allariz.