A Andaina de Allariz cumpre 22 anos. O domingo 9 de xuño terá lugar unha nova edición cun novo percorrido.

Co obxectivo de facilitar a participación daquelas persoas que habitualmente traballan os sábados, o ano pasado a área de deportes de Allariz tomou a decisión de cambiar a data de celebración e reducir o itinerario para favorecer que o percorrido poda cambiarse e coñecer e gozar doutros espazos da Reserva da Biosfera.

Co formato renovado dende a pasada edición a XXII Andaina constará dunha ruta longa de 22km e outra curta de 8km pensada para os máis mozos ou  familias con nenos e nenas. O novo circuíto percorrerá, seguindo o curso do Arnoia, paraxes singulares como o Briñal, Covas do Río, Rubillós ou Pousada pasando por puntos de interese como o Muíño de Escadas, Ponte Hermida o Canal da Ruca ou o Festival de Xardíns de Allariz, entre outros.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 27 de maio e o 7 de xuño. Cun prezo de 10€ (gratuíta para as persoas menores de 14 anos acompañadas dunha persoa adulta) que inclúe dorsal e camiseta, ademais de servizos de avituallamento, comida, masaxistas e duchas para o final da etapa.

Toda a información en www.allariz.gal/andaina

Descargar o Boletín de Inscrición