O Concello de Allariz, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, pon en marcha unha nova iniciativa contra a violencia de xénero (Operación cofinanciada pola Unión Europea. PO Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020). Organiza un obradoiro para mulleres para finais do mes de xuño- primeiros de xullo. Obradoiro que ten por título: pequenas dosis e coñecementos para unha mesma e para a comunidade!

Obradoiro que será o comezo dunha serie de intervencións curtas, e con grupos pequenos, que teñen como finalidade seguir traballando pola convivencia, e previndo e atendendo as violencias.

Nesta ocasión, o obradoiro é para mulleres, e ten como finalidade aportar coñecementos e ferramentas que acompañen a situación que estamos vivindo, e que aporten a maiores, un apoio para as situacións vividas e derivadas do COVD19.

O obradoiro ten unha duración de catro sesións, cunha duración de dúas horas, e terá unha serie de contidos relacionados coa posibilidade de entender a muller que estamos sendo, e poder así entender tamén aos outros/As. Esta formación estará impartida pola Técnica Municipal, Ana Cardoso,  e a maiores contaremos coa presenza de Beatriz Pérez Fernández e Berta Vega Villaamil, que complementarán a parte dos contidos, cun traballo sobre as actitudes nas relacións e as ferramentas persoais para os momentos de crise.

Esta sería a primeira dunha serie de actuacións que o Concello de Allariz pon en marcha como forma de seguir traballando pola convivencia e contra as violencias, despois dun periodo complicado e dun aumento significativo dos casos de violencia a nivel de toda a autonomía.

A maiores seguirase co Programa Atención a Mulleres, de Atención ás Vítimas de Violencias, coa formación das Doulas Sororas, coa II Escola de Verán, e cunha serie de actuacións en formato pequeno, e segunido todas as medidas de seguridade, para poder ofrecer a tranquilidade necesaria para asistir a este tipo de actividades, e por unha cuestión de responsabilidade social.

Durante estes meses, o Concello de Allariz, como servizo esencial, seguiu ofrecendo apoio ás mulleres vítimas de violencia deste Concello, a través de entrevistas telefónicas, moita máis coordinación coas Forzas e Corpos de Seguridade e coa coodinación coas Doulas Sororas. É importante non esquecer que as violencias seguen, e que o traballo das Institucións non pode parar de forma que velemos por unha sociedade máis xusta e convivencial.