Un ano máis o Concello de Allariz, a través da Área de Igualdade organiza as Xornadas polo Día Internacional para a erradicación das violencias contra as mulleres.
A programación desta edición desenvolverase entre os días 4 e 25 de novembro, e levan por lema “Libérate das garras da violencia” como forma de protesta polas diferentes violencias que se seguen exercendo sobre as mulleres.
As actividades que se realizarán nesta edición de 2023 serán:
– Un curso de defensa persoal e autocapacidades, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade que terá lugar os días 4 e 18 de novembro. Para asistir a este curso de balde deberase formalizar a inscrición no Fogar dos Maiores, teléfono 988 554 059 ou no correo electrónico
igualdade@allariz.gal. Esta formación impartirase polo persoal da Federación Galega de Loita e consiste nun curso basicamente práctico para crear protocolos de actuación cara diversas situacións de violencia de xénero, pero traballando mais vertentes que a propiamente física.
– O venres 24 de novembro terá lugar na Casa de Cultura, ás 20:30h a representación da obra “O soño dos vagalumes”. Esta obra de teatro estará representada polo grupo de teatro de nais e pais da Universidade Laboral e dirixida pola alaricana Ángeles Álvarez.
Segundo nos contaron Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social e Cristina Outeiriño, técnica de Igualdade, a obra está inspirada no libro das Marías de Santiago, relatando a historia de Maruxa e Coralia Fandiño, dúas irmáns que sufriron a represión franquista. Esta actividade pretende ser unha aproximación á memoria histórica e a violencia sistemática contra as mulleres ao longo dos anos, e sobre todo na época franquista. A representación terá entrada de balde ata completar capacidade.
-Para finalizar as actividades programadas para as Xornadas deste 2023, o 25 de novembro, ás 12:00h procederase a colga da pancarta no balcón da Casa do Concello e a lectura do Manifesto Institucional contra a violencia de xénero.