A Biblioteca Municipal de Allariz abriu despois da reforma que sufriu o mes pasado nas súas instalacións.

O mes pasado concluían os traballos de reforma que se realizaron na Biblioteca Municipal de Allariz localizada na Casa da Cultura. Tras uns días de limpeza e colocación, as instalacións municipais xa están abertas ao público, retomando así o servizo de préstamo bibliotecario.

Segundo nos explicaba Cristina Cid, nunha das visitas ás instalacións, as melloras acometidas no espazo constaron de varias partes.

A primeira parte foi a ampliación dos estantes da biblioteca, para así poder albergar máis libros e polo tanto ir ampliando a dotación municipal.

Por outro lado ampliouse a zona infantil, incorporando ao espazo que xa había o lugar que ocupaba antes a zona de informática. Esta zona desaparece e pasa a ofertarse o servizo de consultas en internet con portátiles. Haberá unha dotación municipal destes dispositivos na Biblioteca, para todas aquelas persoas que precisen facer consultas na rede.

A maiores das ampliacións anteriores cambiáronse as mesas de estudio así como a zona de atención ao público substituíndo as anteriores por unhas novas.

Tanto na propia Biblioteca como na entrada da Casa da Cultura, o chan foi substituído por un novo. Así mesmo mellorouse a accesibilidade tanto na entrada ao espazo bibliotecario cunha rampla na porta de acceso, e a rampla interior localizada na zona de entrada do edificio.

Outra das novidades e que a zona de lectura de prensa e revistas para a localizarse na entrada da Casa da Cultura, habilitando para tal fin un espazo de sofás e mobiliario.

A falta de pequenos detalles, a Biblioteca Municipal de Allariz remota a súa actividade en horario habitual para toda a veciñanza.

A obra está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Concello de Allariz.