A área de Mocidade do Concello de Allariz lanza o programa “Mocidade Outono 2025”, unha nova edición chea de actividades pensadas para a rapazada de 13 a 33 anos, abertas tamén ao público de todas as idades.
O obxectivo é fomentar a creatividade, a participación xuvenil e o uso do galego a través da música, o xogo e o contacto coa natureza.
“Queremos que a mocidade de Allariz teña espazos para crear, expresarse e convivir, sempre coa nosa lingua e identidade como base”, sinalan desde a Concellaría de Mocidade, Iago Santás.
Nesta edición destacan dúas novidades principais:
-
As aulas de música moderna dentro dun grupo musical, nas que as persoas participantes poderán aprender batería, baixo, guitarra, teclado e voz mentres forman parte dunha banda.
-
Os obradoiros de rol en galego, unha proposta de lecer alternativo que combina imaxinación, narración e traballo en equipo, ofrecendo un espazo divertido e creativo onde o galego é a lingua de xogo e comunicación.
O programa complétase con:
-
As nosas escoliñas: guitarra, batería e xadrez.
-
Brincamos: pin pon, billar e matraco.
-
Pateamos: saídas á natureza (Trevinca —adiada por mor do lume— e Edreira en familia).
-
Aprendemos: orientación na natureza, cogomelos, adiccións ao teléfono móbil e “Sacamos a lingua!”.
Esta campaña é “100% en galego”, promovendo o uso natural e positivo da lingua propia.
As datas concretas das actividades iranse publicando nas redes sociais, polo que estade moi atentos e atentas ás publicacións para non perder ningunha convocatoria.
Se precisades máis información ou vos queredes inscribir, podedes escribir a mocidade@allariz.gal, indicando no asunto o nome da actividade. É necesario un mínimo de 8 persoas para realizar cada proposta.
Toda a programación está dispoñible tamén en www.allariz.gal.
